Xinzo de Limia Concello

Elvira Lama, sobre o incremento do control da Policía Local no tráfico: “Queremos unha vila máis segura e máis humanizada”

As malas prácticas ao volante terán consecuencias en Xinzo de Limia, sobre todo en zonas como o casco histórico, onde é frecuente atopar vehículos mal estacionados. O Concello de Xinzo de Limia vén de dotar á Policía Local de nova tecnoloxía para evitar as infraccións, ordenar a circulación, liberar espazo para os peóns e mellorar a seguridade viaria. A alcaldesa, Elvira Lama, ten clara a dirección na que traballa o executivo local: “A nosa intención é que se deixen de lado as malas prácticas de chegar co coche ata a porta do comercio ou do bar. É Unha boa maneira de advertir á poboación de que cando non cumprimos as regras, A Policía Local está para velar pola seguridade dos peóns. Queremos unha vila máis segura e máis humanizada”.

Máis en concreto, o que se pon a disposición dos axentes é nova tecnoloxía para a formulación de denuncias e acceso a bases de datos, lectores de matrículas, cámaras, sistemas de control de velocidade ou dispositivos para detectar os vehículos que se salten os semáforos en vermello. Todo isto grazas a que o Concello adheriuse ao acordo marco coa Central de Contratación da Femp, que sacou a concurso este servizo que ofrece a todos os municipios do país. Xinzo é un dos primeiros de Galicia en acollerse ao mesmo.

A través dunha app móbil axilizarase a xestión e tramitación das multas. Sen custo para o Concello, puxéronse a disposición dos axentes diferentes medios tecnolóxicos que permitirán ordenar o tránsito de vehículos, controlar o acceso a zonas restrinxidas ou a velocidade... Incluso se está a valorar a instalación de cámaras de control e diferentes espazos.

Durante os próximos días, os axentes da Policía Local familiarizaranse co novo material e sistemas, que non empezarán a empregar ata que se leve a cabo unha campaña informativa entre a cidadanía do municipio.