Xinzo de Limia Concello

Elvira Lama: “A obra dos accesos é unha magnífica noticia que cambiará a imaxe de Xinzo para sempre”

accesos3
accesos3

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, amosa a súa satisfacción pola aprobación do proxecto de humanización das avenidas de Ourense e Madrid ao seu paso pola vila, que considera “unha magnífica noticia que cambiará a imaxe de Xinzo para sempre, o que nos debería de encher de satisfacción a todos e todas”.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) aprobou provisionalmente o proxecto de trazado da “Humanización da travesía de Xinzo de Limia na N-525”. Proximamente someterase ao trámite de información pública, o que implica a publicación do anuncio correspondente no Boletín Oficial do Estado (BOE). O orzamento estimado da actuación é de 3,9 millóns de euros e o seu financiamento correrá a cargo do programa de mellora de contornas urbanas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dotado con 105 millóns do fondo NextGenerationEU.

Considera a alcaldesa que con esta actuación “Xinzo terá, ao fin, uns accesos acordes coa dimensión e importancia desta vila, algo que foi obviado durante anos”, ao tempo que lembra que “esta é unha obra demandada desde hai décadas e que despois de tan longa espera se materializará en cuestión de meses, unha vez sexa exposta ao público e adxudicada”.

A memoria de esta actuación, encargada pola propia alcaldesa ao comezo do mandato, foi trasladada ao Goberno de España a través do seu delegado en Galicia, José Miñones, fai apenas 15 meses, en setembro do 2021.

“Como alcaldesa -explica Lama-  a miña satisfacción é dobre, pois con esta intervención damos cumprimento a un dos meus principais compromisos electorais, pero tamén deste goberno no seu conxunto. É unha obra de todo o pobo, que todos e todas debemos sentir como propia”.

A intervención, que supoñerá un investimento de case 4 millóns de euros, e será resultado da execución dun proxecto moi traballado e impactante, “converterá a Xinzo nunha vila máis amable, especialmente para os peóns e os ciclistas, como todos e todas poderemos apreciar no período de exposición pública”, engade Elvira Lama. Asi mesmo, amósase convencida de que “con esta actuación melloraremos o noso sentimento de pertenza a unha vila cuns accesos ata agora indecentes que todos e todas vemos que  non están á altura do que somos nin do que merecemos”.

Por último, a alcaldesa colectiviza o éxito da aprobación da humanización dos aceso a Xinzo trasladando “parabéns a toda a veciñanza por empuxarnos a loitar desde o Concello por conseguir que esta obra, que é unha anhelo colectivo, se faga realidade, pero tamén ao Goberno de España por entender que era de xustiza e por aprobala nun tempo récord, como acaba de facer”.

Actuacións previstas

  • As obras obxecto do proxecto consisten na mellora da urbanización da contorna da N-525 ao seu paso polo núcleo urbano de Xinzo de Limia, tratando por unha banda de separar o tráfico rodado da estrada das zonas destinadas ao uso peonil e ao estacionamento de vehículos, así como a dotación de servizos situados nas marxes e que con motivo das obras e dada a súa antigüidade, necesitan ser renovados.
  • Procederase tamén a soterrar a liña de iluminación pública, recuaranse as luminarias e semáforos existentes, adaptándoos á nova aliñación das beirarrúas, que gañarán anchura permitindo o paso cómodo e seguro dos peóns.
  • A humanización inclúe dúas novas glorietas e na zona do Pombal e da Praza Maior proxéctase unha plataforma elevada ao mesmo nivel das beirarrúas, para priorizar os tráficos peonís.
  • Tamén se sobreelevarán dous pasos de peóns, dous pasos ciclistas e dispoñerase un atenuador de velocidade sobreelevado.
  • Proxéctanse zonas axardinadas para separar a zona peonil do tráfico rodado e as circulacións peonís e ciclistas.