Xinzo de Limia Concello

Elvira Lama tacha de temerario a quen se desprace á súa segunda residencia de Xinzo e advirte de multas de ata 30.000 euros

Bando Segundas Residencias
Bando Segundas Residencias

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, acaba de firmar un bando para advertir da prohibición de desprazarse ás segundas residencias, pola proximidade da Semana Santa. 

“Como queira que nos atopamos en datas próximas á Semana Santa, infórmase a aqueles veciñ@s que teñen unha segunda vivenda no noso Concello de Xinzo que están totalmente prohibidos os desprazamentos á segunda residencia ata a finalización da declaración do Estado de Alarma, xa que poñen en risco o resto de veciñ@s que teñen a súa residencia habitual, e máis no noso Concello que ten unha poboación moi envellecida”, reza no bando.

No mesmo, tamén se da conta das sancións previstas para quen incumpra esta prohibición: “Tamén quero recordar que ditos incumprimentos serán obxecto de sancións que poden alcanzar os 30.000 €”.

Xa por último, Elvira Lama tacha de temerario a quen a ignore esta advertencia, pois está poñendo en risco a vida de outras persoas:

“Levamos moitos días confinados e moita xente poñendo en risco a súa saúde por velar polo benestar de tod@s, e non podemos tolerar que as actuacións temerarias daqueles que incumpren as normas leven ao traste todas aquelas medidas de protección que tanto custou acadar”.

Por todo iso, pide a colaboración de toda a veciñanza para cumprir e facer cumprir estas medidas.