Xinzo de Limia Concello

O Entroido e o paso por Xinzo da Volta Ciclista O Gran Camiño obrigan a restrinxir o tráfico

reunión
reunión

No referente á seguridade nunhas datas como as de Entroido, toda previsión é pouca. O Concello de Xinzo de Limia xa estableceu un plan de actuación para os próximos días de celebración. Esta será a fin de semana grande dos festexos, cando se agarda a maior afluencia de veciños e visitantes, polo que será necesario extremar as precaucións. No referente ao tráfico, haberá que realizar restricións entre os puntos quilométricos 197,500 e 199,500 da estrada N-525 e habilitaranse os correspondentes desvíos alternativos. Os cortes realizaranse nos seguintes días e horarios:

Sábado, 26 de febreiro do 2022: de 17:00 a 06:00 horas da mañá.

Domingo, 27 de febreiro do 2022: de 17:00 a 21:00 horas.

Luns, 28 de febreiro do 2022: de 17:00 a 23:00 horas.

Martes, 1 de marzo do 2022: de 17:00 a 21:00 horas.

Domingo, 6 de marzo do 2022: de 17:00 a 21:00 horas.

Cómpre destacar que o sábado de Entroido restrinxirase o acceso á vila aos autobuses e só poderán chegar ata a parada as liñas regulares, para o resto establecerase un peche e habilitarase a explanada dos institutos como punto de carga/descarga de viaxeiros.

Tamén o día 26 está previsto que a Axencia Galega de Emerxencias instale un Posto de Mando no cruce da N-525 coa rúa Curros Enríquez, fronte a Praza Maior para velar pola seguridade dos cidadáns durante a fin de semana grande do Entroido. Así, manterase a videovixilancia nunha noite na que se agarda a maior afluencia de visitantes de todos os festexos. Tamén cómpre destacar que estará operativo un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para dar resposta coordinada ante calquera incidente coa maior celeridade. Cortarase o tráfico nas inmediacións da Praza Maior dende as 17:00 para permitir a instalación do camión e das cámaras.

Dende o Concello de Xinzo vólvese a facer un chamamento á prudencia e anímase aos veciños e visitantes a participar no Entroido con responsabilidade e, preferiblemente, durante as horas do día.

Restricións pola Volta Ciclista O Gran Camiño

Tamén O Gran Camiño obrigará a levar a cabo restricións de tráfico esta fin de semana. Trátase da competición que pretende dar a Galicia o seu espazo propio dentro do ciclismo profesional e pasará por Xinzo de Limia. O sábado día 26 contará cunha meta volante fronte á praza Maior, polo que será preciso cortar diferentes vías ao tráfico. Máis en concreto, o percorrido afectará á estrada OU-1117 (N-525 a cruce con estrada de Vilar de Barrio OU-1102); á pista que enlaza a estación de servizo Antela ao núcleo de Baronzás; á estrada de Baronzás por Morgade OU-1102 e ás rúas Curros Enríquez, Avenida de Madrid no cruce con Dous de Maio e Avenida de Ourense.

O horario aproximado no que se agarda o paso do pelotón é de 13.45 a 15.00 horas. Neste tempo cortarase o tráfico nas vías mencionadas, polo que para evitar esperas rógase aos veciños que circulen por vías alternativas como Baronzás (Camiño da Millara a N-525); Morgade (Pista a Boado), Pena (Pista a Pidre); Soutelo (Pena a Pidre ou de Trnadeiras a Solveira) e Trandeiras (Pista a Solveira).

O Gran Camiño prolongarase durante catro días de competición nos que o pelotón atravesará parte dos diferentes paraxes de Galicia. Cada unha das provincias será protagonista nunha das catro etapas. Chegará a Xinzo de Limia na terceira, cun percorrido previsto pola Ribeira Sacra, Maceda e Luintra.