De la Fuente Galván será nomeado o sábado fillo adoptivo do Concello de Xinzo pola súa traxectoria profesional e dedicación a favor da cidadanía
Xinzo de Limia recoñecerá a traxectoria profesional e a dedicación a favor da cidadanía de Ramón de la Fuente Galván. O sábado será nomeado, a título póstumo, fillo adoptivo do Concello, nun acto previsto para as 12.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial. A súa implicación con este pobo foi destacable, tanto na súa faceta profesional como médico como na súa actividade política, así como promotor e colaborador, de xeito persoal e desinteresado, en diferentes accións e actividades no eido cultural e deportivo.
No último pleno ordinario do pasado ano, cando se aprobou o expediente para levar a cabo este nomeamento, dedicáronselle palabras de agarimo: “Máis alá do seu labor como médico, sempre xeneroso co afecto cos pacientes, integrouse tanto no ambiente e nas necesidades da vila que termina por participar activamente en moitos ámbitos da vida social de Xinzo, apoiando o desenvolvemento de múltiples actividades”.
A historia da comarca limiá nos últimos 50 anos está profundamente ligada á vida do médico Ramón de la Fuente Galván, que morreu o 31 de outubro do 2021. Foi en 1985 cando comezou a exercer a medicina rural en Xinzo, afrontando as dificultades existentes e abrindo unha clínica que foi pioneira e un referente.
Outra das grandes pegadas que deixou na Limia está ligada a un dos seus grandes amores: o Antela Fútbol Club. Axudou a refundalo en 1971 e o equipo comezou así unha nova andadura como federado, chegando a levantar a partir dese momento grandes paixóns.
Na súa faceta política, formou parte de distintas corporacións durante a ditadura por imposición. Xa en democracia foi concelleiro en case tódolos mandatos ate a súa retirada despois de ser alcalde. Sempre afirmaba estar en política para poder aportar algo ao ben común, pero sen o máis mínimo interese persoal.