Genoveva Vázquez Calviño, a matrona que axudou a nacer a numerosos veciños durante máis de medio século, será homenaxeada en Xinzo
O Mes da Muller contará en Xinzo de Limia cun acto moi especial. A programación do 8M elaborada polo Concello, que se estendeu ao longo das últimas semanas, rematará coa homenaxe á matrona Genoveva Vázquez Calviño, quen durante máis de medio século asistiu os partos de moitas mulleres da comarca, ata a década dos 70 do século XX. O acto institucional está previsto para as 18.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial e, seguidamente, descubrirase unha placa na súa casa nata da rúa Serra da Manzaneda. Con este recoñecemento público, o executivo local quere destacar o seu traballo, co que axudou a nacer a numerosos veciños.
Veciña do Barrio de Abaixo, Genoveva Vázquez Calviño deixou unha fonda pegada en Xinzo de Limia. Destacan os que a coñeceron que era unha muller de carácter, traballadora, solidaria e caritativa. A súa faceta solidaria é moi relevante na historia de moitas familias do concello, pois a axuda que prestaba era esencial para moitas familias.
A súa actividade como matrona durou máis de medio século e nunca lle reportou beneficio económico, pois nunca cobrou polo seu traballo. Axudou a moitas mulleres a dar á luz aos seus fillos e fillas, pois nun contexto no que a sanidade pública apenas existía, o normal era que as mulleres pariran na casa sen a atención dun facultativo.
O Concello de Xinzo de Limia pechará con este recoñecemento público a programación elaborada con motivo do 8M e que se estendeu durante todo o mes de marzo, reflexando a aposta decidida do executivo local para dar visibilidade a loita social en favor da igualdade e dos dereitos das mulleres.