Xinzo de Limia Concello

Un globo aerostático instalado no Toural será unha das atraccións estrela do Nadal en Xinzo

PROLIMIA
PROLIMIA

O Nadal volverá a sorprender en Xinzo de Limia, onde un globo aerostático instalado no Toural será unha das atraccións estrela. A iniciativa, que promove a asociación de comerciantes Prolimia en colaboración co Concello, forma parte da campaña para dinamizar o sector nestas datas. Unha parte das actividades que pretenden favorecer as visitas á vila e as compras nos seus establecementos déronse a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa na que interviñeron a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, e a presidenta de Prolimia, Concepción Conde.

A rexedora asegurou que a campaña está pensada para “atraer ao maior número de potenciais clientes” e insistiu en que “o comercio de Xinzo de Limia ten de todo e do mellor”.

O concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, asegurou que Prolimia seguirá contando co apoio do Concello para revitalizar a economía local e animou á cidadanía a participar “no Nadal espectacular que terá este ano a vila”. A programación ao completo elaborada polo executivo local darase a coñecer nos próximos días.

Pola súa banda, Concepción Conde destacou a longa duración da campaña da Nadal de Xinzo de Limia, que comezará o 1 de decembro e non rematará ata despois de Reis. Tamén agradeceu a colaboración do Concello para poder ofrecer actividades de gran atractivo e que animarán á xente a mercar na vila, “algo moi necesario para poder seguir vivindo dos nosos establecementos”.

Os clientes que merquen nos comercios da vila adheridos a campaña de Prolimia poderán subir ao globo aerostático cos tíckets de compra os días 27, 28 e 29 de decembro. O 23 e 24 de decembro Papá Noel percorrerá os comercios participantes na campaña e o día 26 de decembro ofrecerase unha gran chocolatada aos clientes do comercio local.

Os tres mellores escaparates decorados de Nadal gañarán o concurso e o xurado estará composto por representantes de Prolimia, do Concello e da Federación de Comercio.