Xinzo de Limia Concello

O Goberno local convoca unha xunta de portavoces urxente para instar á Xunta a abrir o centro de Limisi

“Non pode ser que permita a apertura dos centros privados e decrete o peche dos que non teñen ánimo de lucro”, explica Elvira Lama. A alcaldesa espera o apoio unánime dos grupos da Corporación e que se sumen tamén o resto de concellos da contorna.

 

101953426_2556934084561605_993584084850573312_o
101953426_2556934084561605_993584084850573312_o

O Grupo de Goberno do Concello de Xinzo acaba de convocar unha reunión urxente da Xunta de Portavoces para instar á Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Sanidade e Servizos Sociais, á apertura inmediata do Centro de Limisi, de atención ás persoas dependentes.

A reunión terá lugar maña na Casa do Concello, as 13:30, e a alcaldesa, Elvira Lama, espera contar co apio de todos os grupos da Corporación. 

"Non ten ningún sentido que se permita a apertura dos centros privados, con ánimo de lucro, e se manteñan pechados os que non teñen ánimo de lucro e prestan un servizo esencial a un colectivo dobremente discriminado e vulnerable, especialmente no rural", explica.

A decisión do goberno local prodúcese despois de que o Goberno Galego acordara manter fechados os centros ocupacionais, ademais dos centros de día e as escolas infantís, ata o día 1 de setembro. 

“Este colectivo leva tres meses sen atención específica debido ao confinamento e non pode seguir así outros tres meses máis”, sentenza Elvira Lama.

Limisi Diversidade Funcional atende a máis medio cento de persoas, polo que o goberno local de Xinzo espera tamén o respaldo do restos de concellos da contorna, incluído Allariz e Verín.

Ademais dun centro ocupacional, Limisi tamén incorpora un gabinete de rehabilitación que da servizo a preto dunha vintena de concellos.