A guerra e a esperanza, dúas das temáticas premiadas no Concurso infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares
“A guerra é inxusta”. Este é o título dunha das obras gañadoras do Concurso Literario Infantil e Xuvenil de Narración Curta Carlos Casares, que nesta edición mostrou, aos ollos dos nenos, a traxedia dos que están a sufrir o conflito de Ucraína. A autora é María Sotelo Alonso, primeiro premio na categoría de primeiro e segundo de Primaria, mentres que o segundo premio recaeu no traballo “O misterio do coello desparecido”, de Antón Sánchez Joga.
Na categoría de debuxo dos cursos de Infantil, o xurado decidiu outorgar un primeiro premio colectivo aos nenos e nenas do CEIP Carlos Casares e a súa mestra Sonia Nogueiras. Navea Gil Medeiros recibirá o segundo premio.
Para os nenos de terceiro e cuarto curso de Primaria tamén se establecen dous galardóns. O primeiro titúlase “Ela é especial” e foi escrito por Noa Carballo Riveiro, mentres que o segundo recaeu na obra “Esperanza”, de David Devesa González. Os gañadores da categoría de quinto e sexto de primaria son, en primeiro e segundo posto, Leo Rodríguez Enríquez coa súa obra “Ser como o avó” e Carla Gómez Pérez con “A máquina do tempo misteriosa”.
O primeiro premio da categoría de primeiro e segundo curso de secundaria é para Noa Rodríguez Enríquez, con “Esquecer lembrar”. O segundo premio, co título “A gran pintora”, foi escrito por Naia Sánchez Rodríguez. No resto das categorías quedaron desertos.
A entrega de premios realizarase mañá, as 19.00 horas, no Praza Maior, dentro da programación polo Día das Letras Galegas. Outorgaranse vales para mercar libros nas librarías da vila. O xurado agradeceu a todos os participantes o seu esforzo e dedicación, reflectidos na gran calidade dos traballos presentados.
Tamén o propio día no que se celebran as Letras Galegas, na Praza Maior organizouse a presentación do libro A revolta da lagoa, de Rafael Laso Lorenzo, ilustrado por Ximena Maier, e que inclúe a proxección do documental Antela, historia dunha desecación. Será a partir das 20.00 horas. No acto está previsto que interveñan a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o escritor Miguel Anxo Alonso Diz e o autor da obra.
Ademais, durante todo o día celebrarase a feira do libro da Praza Maior, con descontos do 10 % para os exemplares en lingua galega.