A licitación dos primeiros 700.000 euros rescatarán por fin ao Mosteiro de Trandeiras do esquecemento:“Con el conservamos a memoria”
Son tres os obxectivos que perseguen o Concello de Xinzo de Limia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil coas obras de rescate que levarán a cabo no Mosteiro de Trandeiras: Recuperar do esquecemento, dar visibilidade e poñer en valor esta xoia patrimonial que presenta un estado de abandono e incluso un risco para a seguridade dos visitantes. O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga; a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, valoraron o proxecto sobre o terreo, mostrando a súa satisfacción por poder anunciar esta actuación a todos os veciños e veciñas. A Confederación aportará o 90% do orzamento e a administración local o 10 %.
A primeira fase, na que se investirán 711.922 euros, saíu hoxe a licitación e os traballos comezarán a principios do próximo ano. As obras consistirán na recuperación das infraestruturas hidráulicas (preto de 500 metros lineais de canalizacións con varias fontes e mananciais) do conxunto monástico, así como do muro existente e pavimentos do entorno que se atopan en mal estado de conservación. Limparase a área de intervención retirando os elementos construtivos caídos para a súa recolocación e limparanse os elementos pétreos do edificio, consolidando as construcións para frear o seu deterioro. Tamén nesta primeira fase reporanse as pezas de sillería que se localicen entre os escombros e instalarse unha cuberta temporal na torre.
Na segunda fase contémplase o acondicionamento da sancristía, para cubrila e dotala de instalación eléctrica, posibilitando que se poidan realizar charlas e diferentes actos nun futuro que poña en valor a historia do Mosteiro de Trandeiras.
A alcaldesa, Elvira Lama, destacou a importancia deste proxecto: “Este Mosteiro é propiedade do Concello dende o ano 1989, un patrimonio que foi en declive. Agradecemos a comprensión da Confederación pola súa achega para revalorizar este entorno incomparable. Trátase dun edificio senlleiro que está na lista negra de monumentos de España polo seu estado, debido a que ninguén se preocupou por poñelo en valor e porque presenta serios riscos. Rescataremos esta edificación e conservaremos así a nosa memoria”.
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asegurou que un arqueólogo supervisará tamén as obras polo valor histórico do Mosteiro e dos elementos que poidan ser atopados. Tamén insistiu na boa nova que supón este proxecto para a comarca: “Queremos poñer en valor o Mosteiro e rescatar do esquecemento este elemento histórico-patrimonial tan importante, actuando como reclamo para os visitantes e de incremento da autoestima da historia colectiva”.