Xinzo de Limia Concello

Máis de 500 romanos e castrexos participarán no desfile da Festa do Esquecemento, que recupera os actos tradicionais despois do parón da pandemia

Esquecemento
Esquecemento

Entre romanos e castrexos e coa presenza de Décimo Xuño Bruto presentouse esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial de Xinzo de Limia o programa da Festa do Esquecemento. A alcaldesa, Elvira Lama, estivo acompañada polo concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; o deputado autonómico Carlos Gómez; o presidente da asociación Civitas Limicorum, Marcos Argibay, e a tesoureira da entidade cultural, Ana Lozano.

A rexedora asegurou que este ano a festa recuperará a súa esencia: “Esta edición volveremos a vivir a celebración como se coñece e coas máximas expectativas desta nova directiva de mellorala e abrila a unha maior participación veciñal”. Elvira Lama tamén destacou a relevancia da festa como recreación histórica do pasado dos habitantes da Limia: “Queremos facer desta festa un referente para toda Galicia e para toda España e conseguir a declaración de interese turístico autonómico”.

Carlos Gómez, que se presentou como presidente de honra de Civitas Limicorum, agradeceu á entidade cultural e ao Concello a súa colaboración “na organización duns festexos que contribúen a xerar cultura a recrear a nosa historia”.

O presidente de Civitas Limicorum, Marcos Argibay, asegurou que o máis difícil da organización da festa foi “reconectar coa xente e recuperar a ilusión”, presentando un amplo programa de actividades que irán máis aló dos días de festa, xa que hai propostas culturais paralelas como unha exposición que se instalará na Praza Maior entre os días 13 e 22 de agosto.

A Festa do Esquecemento comezará o venres día 19 de agosto ás 20.00 horas coa apertura do mercado de artesanía que, como novidade, estará instalado no Toural. Estará acompañado dunha zona de xogos infantís. “Este mercado ten gran popularidade en toda Galicia, sendo un dos máis visitados da provincia”, engadiu Argibay. Ás 20.30 horas abrirá o campamento castrexo-romano, con 40 grupos participantes e nel recrearase a vida e costumes de romanos e castrexos. O desfile inaugural agárdase para as 23.30 horas e ao remate prenderase o Lume Sagrado, unha das representacións máis emotivas.

O sábado día 20 de agosto pola mañá, a programación comezará ás 12.30 horas cun acto institucional e farase entrega dos Premios Bispo Idacio. Ás 13.00 horas, a lexión lucense da garda pretoriana, a Cohors Lucensium Praetoria, realizará un desfile. A loita de gladiadores prevese ás 13.30 horas na Praza Maior. Para a tarde organizáronse obradoiros e ata unha xincana, que darán paso ao desfile da Festa do Esquecemento, no que participarán máis de 500 romanos e castrexos.

O domingo día 21 de agosto, último día da festa, haberá pasarrúas dende a mañá e, ás 12.30 horas, oficiaranse os bautizos castrexo-romanos na Praza Xoan XXIII. O principal acto desta xornada será o Cruce do Río Lethes, previsto para as 17.30 horas.