Xinzo de Limia Concello

Máis dun cento de alumnos do Conservatorio inauguraron a Praza da Música, “un espazo no que se une pasado, presente e futuro”

praza
praza

A pandemia fixo que as prioridades cambiasen, tamén para as Administracións públicas. O proxecto da Praza do Conservatorio, agora renomeada como Praza da Música, xurdiu dunha necesidade que, aos ollos da alcaldesa, merecía toda a atención. Así o explicou a rexedora no acto de inauguración celebrado onte á noitiña: “Polo covid-19, os músicos deste centro educativo tiveron que buscar un espazo para ensaiar ao aire libre. Xurdiu así a necesidade de que o Conservatorio tivera unha entrada digna e un espazo aproveitable. O resto dos veciños e veciñas aproveitarémolo para facer diversos actos”.

Xinzo de Limia conta desde onte cun novo epicentro cultural no corazón da vila: máis de 400 metros cadrados que pasaron de ser un espazo degradado ao escenario no que poderán realizarse actos culturais de forma controlada. Máis dun cento de músicos interpretaron na inauguración varios temas, entre o que destaca o “Himno á alegría” de  Beethoven. Precisamente os pentagramas deste obra de gran relevancia na historia da música dan vida a un espazo de Xinzo que ata o momento nunca contara dunha atención especial. O pavimento foi decorado coas súas notas e esta foi só unha das actuacións que se levaron a cabo nos últimos meses.

Ademais de renovar un espazo ao carón da Casa Consistorial, só empregado ata o momento como zona de paso, co proxecto conseguiuse unir pasado, o presente e o futuro. Así o recalcou Elvira Lama: “O pasado está representado nunha fotografía dunha banda dos anos 30, de xente que aprendía a tocar de oído acompañándonos en feiras, romarías e festas patronais. O futuro tamén está aquí porque moitos destes alumnos serán os grandes músicos do futuro, seguirán a súa paixón”

Cómpre recordar que os traballos consistiron en demolicións, limpeza, nivelación, pavimentación e a instalación de mobiliario urbano. Tamén se substituíu a iluminación por proxectores LED e garántese a luz para a realización de diferentes actos. Os elementos de ornamentación completaron a actuación.  Humanizouse así un espazo residual da vila que estaba inutilizado e que chegou a ocasionar problemas de seguridade, xa que foi utilizado polos rapaces para actividades que ocasionaron problemas coa veciñanza.

A intención do executivo local é que a Praza da Música sexa a partir de agora un lugar de encontro no que se poderán levar a cabo concertos, proxeccións de cine, representacións teatrais ou outro tipo de eventos culturais, sempre de forma controlada. Coa rehabilitación das instalacións e o seu peche a horas intempestivas prevese dar un xiro radical ao uso que se fai deste lugar.