O Concello mellorará e ampliará os xogos dos parques do Toural, Pombal e da gardería e planificará novas zonas infantís no rural
O Concello de Xinzo de Limia segue firme no seu empeño de mellorar as zonas de xogo infantís, nesta época de pandemia na que cobra especial importancia o ocio ao aire libre para o entretemento dos máis pequenos. Deste xeito, xa está proxectada unha terceira fase de actuación para realizar traballos nos parques do Toural, da gardería e do Pombal, ademais de para a construción de novos espazos de xogo nas zonas do rural nas que non existen e os nenos vense obrigados a desprazarse para xogar neste tipo de instalacións.
O parque do Toural conta cunha zona de ocio infantil de aproximadamente 1.600 metros cadrados, disposta transversalmente dende a rúa Carmen Nóvoa ata a rúa Alexandre Bóveda. Componse de circuíto de equilibrio ou equipo de habilidade de catro torres, entre outros como dúas casetas que precisan unha reparación polo seu desgaste. Os traballos centraranse en arranxar os xogos deteriorados e substituír aquelas pezas que se atopen en mal estado, como plataformas ou escaleiras.
No caso do parque da gardería, traballarase no patio traseiro que conta cun espazo duns 190 metros cadrados. Esta zona de ocio infantil componse dun equipo combinado de tres torres ou dúas casiñas con tobogán, entre outros elementos. Será necesaria a fabricación e substitución das tres plataformas das torres, así como a reparación e o repintado de todas a chapas de madeira dos laterais do tobogán, barreiras e tellados, entre outros traballos de mellora.
Na confluencia da avenida de Ourense coa rúa Santa Mariña hai unha zona verde que na esquina norte conta cun parque infantil, o do Pombal, cunha superficie aproximada de 550 metros cadrados. Esta zona dedicada ao ocio dos máis pequenos está composta por un balancín, un pórtico dobre con asentos berce e outro con asentos planos, unha trepa e un equipo combinado. Estes dous últimos serán retirados e substituídos debido a seu mal estado.
O Concello de Xinzo de Limia investirá un total de 18.101 euros no arranxo e substitución dos elementos deteriorados destes tres parques. Os traballos inclúen a reparación dos xogos en mal estado e a instalación dalgúns novos.
Moitos dos parques infantís de Xinzo de Limia xa luciron renovados coa chegada do bo tempo. Durante a primavera, o Concello realizou tarefas de mantemento e reparación nos espazos lúdicos dedicados aos máis pequenos, completando así a segunda fase de actuación de mellora que comezou a primeiros de ano. En xaneiro, nunha primeira fase, instaláronse peches nas instalacións emprazadas preto das zonas de tránsito de vehículos para preservar a seguridade dos nenos e os traballos céntranse agora en arranxar os xogos en mal estado.
Nunha próxima fase, a intención do executivo local é reparar e substituír todos os elementos de xogo dos parques do rural que se atopen deteriorados e tamén construír novos espazos dedicados ao ocio infantil nos lugares nos que non aínda non existen.