Xinzo de Limia Concello

O Obradoiro de Emprego no Camiño que promoven Xinzo e Sandiás prevé a construción dun parque e zonas verdes en Rosalía de Castro

presentación
presentación

Alentados polo éxito do último Obradoiro de Emprego que revalorizou a Vía da Prata ao seu paso por Xinzo de Limia e Sandiás, os dous concellos volven a unir as súas forzas para realizar novas obras de acondicionamento no Camiño de Santiago e favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas. Nos últimos meses realizáronse actuacións como a conversión dunha antiga escombreira a carón do río Limia nunha zona de esparcemento para veciños, veciñas e peregrinos e neste novo Obradoiro no Camiño 2022 seguirase mellorando este espazo coa construción dun parque e máis zonas verdes. No concello de Sandiás levarase a cabo o acondicionamento das áreas recreativas de Couso de Limia, Souto e Chousela e se actuará no Campo de San Nicolás ou no patio do edificio de vivendas sociais de Piñeira.

Un total de 20 alumnos realizarán así traballos que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida e relacionada directamente co devandito traballo favorecerá a súa inserción no mercado laboral. O obradoiro está cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco das subvencións para os obradoiros duais de emprego.

Para a xestión e desenvolvemento do Obradoiro contratouse a 20 alumnos e alumnas traballadores (15 correspóndenlle a Xinzo de Limia e 5 a Sandiás). Tamén se incorpora unha directora e monitores para a especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e para a especialidade de Instalacións de elementos e carpintería.

Os concellos de Xinzo de Limia e Sandiás volven a facer unha aposta pola igualdade e como no anterior Obradoiro, para dirimir os posibles empates nas puntuacións finais entre dúas ou máis persoas candidatas estableceuse, por orde de prelación os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.

A selección do alumnado, así como do persoal directivo, docente e administrativo de apoio participante no proxecto foi realizada mediante un procedemento específico atendendo ás prioridades da iniciativa, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade. Nos criterios de selección de todo o persoal procurouse a maior adaptación das persoas que se van a seleccionar e ás particulares circunstancias destas.  Todo o procedemento de selección pode consultarse na páxina web do Concello de Xinzo de Limia.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, felicitou aos alumnos e alumnas deste Obradoiro e animounos a aprender cada día: “Tedes unha oportunidade magnífica de formación e para buscar traballo ou para apostar polo autoemprego”. Tamén subliñou que este Obradoiro contará en carpintería con 4 mulleres e 6 homes e en xardinería ao revés: “É un obradoiro totalmente paritario”.

Pola súa banda, o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, destacou esta “oportunidade de formación, xa que aprendendo tamén se traballa”. O rexedor insistiu en que “tanto Elvira Lama como eu estamos ao voso dispor e estou seguro de que este Obradoiro volverá a ser formidable”.