Xinzo de Limia Concello

As obras na Casa Rectoral de Xinzo avanzan a bo ritmo e paliarán o deterioro que sufriu este inmoble de gran relevancia patrimonial

rectoral
rectoral

Para que o paso do tempo non siga deteriorando a Casa Rectoral de Xinzo, un inmoble de gran relevancia patrimonial e histórico-artística, o Concello sumou esforzos coa Xunta de Galicia, o Obispado e a Deputación de Ourense. A catro bandas firmouse un convenio para levar a cabo a súa restauración. Agora, cando está a piques de cumprirse un ano dende que se aprobou o proxecto das obras, os resultados comezan a ser visibles. A alcaldesa, Elvira Lama, coñeceu os avances dos traballos nunha visita ás instalacións, emprazadas no corazón da vila, e na que estivo acompañada do concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, e do párroco de Xinzo, Jaime Collazo.

Con máis detalle, o proxecto para o acondicionamento integral da Casa Rectoral contempla a habilitación das dependencias degradadas con humidades e a construción de tres vivendas para os sacerdotes da parroquia na planta alta. A parte baixa dedicarase a actividades como o catecismo, salas de reunións ou locais para Cáritas. Entre as actuacións de mellora tamén destaca a recuperación de elementos arquitectónicos tradicionais como o pasillo existente na fachada norte e a eliminación de elementos engadidos con formigón. Tamén está previsto que a fachada exterior sufra modificacións que favorezan a recollida de augas pluviais.

O presuposto para levar a cabo a rehabilitación da Casa Rectoral de Xinzo ascende a 500.000 euros. A Xunta de Galicia, o Obispado e a Deputación aportan cada unha 150.000 euros, colaborando o Concello co importe restante. Cómpre destacar que a intervención neste inmoble, exemplo da arquitectura civil do século XIX, era moi necesaria polo seu preocupante estado de conservación.