O pavillón deportivo de Xinzo e o campo de fútbol José Antonio Carrera xa contan con desfibriladores para a reanimación cardiopulmonar
Ante situacións de emerxencia como unha parada cardiorespiratoria, cada minuto conta. Xinzo de Limia é un concello máis protexido ante este tipo de incidencias, xa que conta con dous novos desfibriladores que darán servizo ao pavillón deportivo e ao campo de fútbol José Antonio Carrera. Súmanse ao da piscina climatizada e pretenden salvar vidas, tendo en conta que as causas máis comúns da parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas son a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, e teñen como tratamento fundamental a desfibrilación eléctrica.
Unha vez que a Xunta de Galicia concedeu a subvención ás escolas deportivas para poder adquirir os equipos, o Concello de Xinzo encargarase de financiar a formación técnica a adestradores e representantes dos clubes que desexen participar.
O concelleiro de Deportes, Rafa Penabad, destacou a importancia de que Xinzo de Limia conte cos desfibriladores, “xa que o seu uso é primordial para salvar vidas”. O edil supervisou a súa instalación acompañado do presidente das E.D.C. Xinzo, Juan López.
Cómpre destacar que os desfibriladores, unha vez que se conecten ao tórax do paciente por medio duns electrodos, son capaces de detectar a parada cardíaca cando se debe a unha fibrilación ventricular e tamén é capaz de identificar as taquicardias ventriculares sen pulso, onde igualmente o bombeo da sangue non é eficaz.