Xinzo de Limia Concello

A praza do Conservatorio de Xinzo pasará de ser un espazo marxinal a punto de encontro saudable e cultural

praza
praza

Hai recunchos na vila de Xinzo de Limia que merecen especial atención polo seu potencial para ofrecer un servizo aos veciños. A praza do Conservatorio é un deles, xa que a pesares de estar no centro do concello e dispor de metros suficientes como para servir de lugar de encontro e descanso tanto para os usuarios do centro educativo como para a veciñanza, na actualidade só é un espazo marxinal que se encontra moi deteriorado. O executivo local ten sobre a mesa un proxecto singular que cambiará a imaxe deste lugar e prevé que os traballos para levalo a cabo comecen en canto remate o curso.

A actuación centrarase no arranxo do pavimento con materiais que eviten a filtración da humidade e a instalación de diferentes elementos ornamentais como bancos e xardineiras. Ao mesmo tempo, co fin de que a praza ofreza alternativas de ocio e culturais, está previsto a colocación dunha plataforma que serva para acoller diferentes espectáculos.

Esta actuación, segundo explica Elvira Lama, forma parte dun “plan de recuperación de espazos degradados para transformalos en espazos saudables  ao aire libre”. Neste caso, sinala a alcaldesa de Xinzo, “a actuación está dobremente xustificada, posto que estamos a falar da entrada principal a un centro educativo como é o conservatorio. O que non se explica é que leve tantos anos no lamentable estado no que se atopa”.

Nun tempo no que a cidadanía aposta polas actividades ao aire libre, o Concello de Xinzo de Limia quere responder as súas demandas e prevé que neste espazo das inmediacións do Conservatorio se poidan proxectar películas nas noites de verán, tendo en conta ademais que a praza encóntrase nun lugar recollido do vento e das baixas temperaturas. Tamén é intención do Concello de Xinzo instalar un mural con fotografías antigas nunha das varandas que comunican co aparcadoiro subterráneo.

Neste sentido, cómpre destacar a aposta que está a facer o goberno local para remodelar este céntrico espazo que rodea a casa consistorial, co arranxo da fonte da praza Carlos Casares que levaba arredor dunha década sen funcionar. Ademais, o aparcadoiro subterráneo de Curros Enríquez será gratuíto e o Concello de Xinzo farase cargo da súa xestión. Trátase dunhas instalacións con entrada e saída desde a rúa Otero Pedraio e Vicente Risco. Esta superficie conta con preto dun centenar de prazas.