Xinzo de Limia Concello

A presentación do libro de Edelmiro Martínez converteuse nun recoñecemento ao seu traballo investigador

entroido6
entroido6

O auditorio da Casa da Cultura de Xinzo de Limia case se queda pequeno o venres á noitiña para dar cabida aos veciños que quixeron participar na presentación do libro de “O Entroido de Xinzo de Limia”, do escritor e historiador limiao Edelmiro Martínez Cerredelo. Demostraron así o seu apoio ao autor e o seu compromiso coa celebración e a súa historia. Eran moitos os que agardaban este acto literario que tivo que pospoñerse hai uns meses e que puxo en valor unha festa que está previsto que volva a vivirse no 2022, iso si, adaptándose aos tempos de pandemia.

O acto comezou coa actuación da agrupación da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo e coa proxección do vídeo que promociona o Entroido desta terra. A alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, agradeceron a Edelmiro Martínez Cerredelo, Miro, a súa enorme aportación á cultura local e á memoria do concello. Do mesmo xeito, destacaron a súa capacidade de investigación en arquivos, documentación e recuperación de materiais históricos.

Tamén interviñeron Carlos Valle, novo presidente da Asociación A Pantalla; o novelista Antón Rivero Coello e Federico Cocho. Todos resaltaron a importancia da publicación “que faltaba e por fin temos”.

Pola súa parte, Martínez Cerredelo confesouse sorprendido polas enormes expectativas que causo a súa obra na poboación, explicando as dificultades que tivo á hora de conseguir a documentación precisa. Nesta liña, quixo subliñar que os “tesouros” particulares, se non son publicados, corren o risco de perderse para sempre.

Cómpre destacar que os asistentes esgotaron os exemplares do libro que se puxeron á venda e que foron asinadas polo autor, enormemente agradecido pola acollida.