A presidenta do Comité da ONU para a Eliminación da Discriminación contra a Muller ofrecerá unha conferencia en Xinzo de Limia
Non son moitas as oportunidades que se presentan na vida para escoitar de preto a unha muller da talla de Ana Peláez. A presidenta do Comité da ONU para a Eliminación da Discriminación contra a Muller ofrecerá esta sábado unha conferencia na Casa da Cultura de Xinzo de Limia. No seu currículo, difícil de comprimir nunhas liñas, tamén figuran os cargos de vicepresidenta executiva da Fundación CERMI Mulleres, Alta Comisionada da para a Solidariedade e a Cooperación Internacional do Grupo Social ONCE e vicepresidenta da Fundación ONCE para América Latina. Está previsto que a conferencia, enmarcada na programación do 8M elaborada polo Concello de Xinzo, comece ás 17.00 horas.
Dende o Concello de Xinzo animan á cidadanía a participar na charla de Ana Peláez, a primeira muller española que accede á relevante responsabilidade internacional como presidenta do Comité da ONU para a Eliminación da Discriminación contra a Muller.
O programa elaborado polo Concello de Xinzo de Limia está a romper barreiras neste 2023. Segue a difundirse nas súas redes sociais a campaña multimedia “As donas de Xinzo. Mulleres que escriben historia”. Esmeralda Marra, Esperanza Pérez, Fátima Ben Aicha, María del Carmen Casal, Milagros Moure e Pepita Fernández son as súas protagonistas, de diferentes idades e profesións: dúas sanitarias, unha mestra, unha futbolista, unha mestra de autoescola e empresaria e unha saxofonista e directora do Conservatorio de Xinzo. As súas experiencias estanse a difundir nas redes sociais do Concello.
O Concello de Xinzo de Limia estende a conmemoración do 8M máis aló do propio día e a programación continuará durante todo o mes. O 14 de marzo presentarase o Plan de Igualdade, unha folla de ruta que planificará con medidas, indicadores e sistemas de avaliación a política de igualdade municipal durante os vindeiros catro anos.
O día 25 de marzo, para pechar o mes dedicado á muller, organizouse unha homenaxe á matrona Genoveva Vázquez Calviño e o descubrimento dunha placa na súa casa. O executivo local quere destacar o seu traballo, co que axudou a nacer a numerosos veciños.
Esta programación que se estende durante todo o mes de marzo reflexa a aposta decidida polo executivo local para dar visibilidade a esta loita social.