Xinzo de Limia Concello

O primeiro Plan de Igualdade participativo e feminista de Xinzo nace en favor dun concello “máis real, plural e igualitario”

presentación2
presentación2

Non será a meta, senón a guía para avanzar no camiño da igualdade real. O Primeiro Plan de Igualdade participativo e feminista de Xinzo de Limia foi presentado esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial pola alcaldesa, Elvira Lama, e a directora de Red Talento, Laura Seara, a entidade que se encargou da redacción e elaboración deste documento que guiará as políticas de igualdade ata 2026. O Plan nace nun momento no que a alcaldesa dirixe a Concellería de Igualdade e a rexedora insistiu en que esta loita foi sempre unha prioridade dende o comezo do mandato. Tamén asegurou que será unha folla de ruta para lograr “un Xinzo de Limia máis real, máis plural e máis igualitario” e que “teremos sempre claro que as políticas que defenden as mulleres e propoñen medidas correctoras están facendo xustiza social”.

O documento presta atención a un problema tan relevante como é a desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres e é o primeiro Plan de Igualdade Municipal que contou coa participación da cidadanía. Nos últimos meses dirixiuse á poboación unha enquisa para analizar, con impacto de xénero, a situación do concello e para levar a cabo medidas que avancen en favor da igualdade. Esta enquisa engadiuse ao análise de datos de diversas fontes secundarias, así como de entrevistas realizadas a axentes sociais e económicos e traballadores e traballadoras do Concello, persoas expertas en todos os campos.

Unha vez realizado o diagnóstico da situación do pobo e  de coñecer a realidade en materia de igualdade entre mulleres e homes, leváronse a cabo reunións con representantes do tecido social para poñer en común accións específicas que se concretan no Plan. Trátase de representantes de tódolos ámbitos institucionais, do ámbito educativo, sanitario, cultural ou deportivo que quixeron tamén estar presentes no acto de presentación do Plan de Igualdade. O documento estará dispoñible en papel nos centros de maiores, centros sociais, de saúde ou colexios, entre outros espazos públicos e privados. Ademais, na páxina web do Concello poderá consultarse por toda a cidadanía.

O primeiro Plan de Igualdade participativo de Xinzo de Limia ten catro principios reitores: A transversalidade para garantir que a igualdade está presente en tódalas políticas e programas municipais; o deseño de accións positivas para corrixir as fendas de xénero; feminismo como movemento para o avance cara a igualdade real e liderado institucional e político como elemento esencial para o impulso das medidas e actividades en todos os ámbitos de actuación.

A directora de Red Talento, Laura Seara, agradeceu a implicación dos diferentes colectivos na elaboración deste Plan e asegurou que o documento “presenta un total de 200 accións específicas en 9 ámbitos de intervención e 62 medidas”. Tamén insistiu “na importancia de combinar, baixo o principio de igualdade, a perspectiva de xénero en toda acción do Concello e as accións positivas, absolutamente imprescindibles para acadar os obxectivos propostos no plan”.