A rehabilitación do Complexo Parroquial de Xinzo de Limia eríxese como un exemplo de colaboración entre administracións en favor dos veciños
Un convenio a catro bandas fixo posible que o Complexo Parroquial de Xinzo de Limia recuperase o esplendor perdido polo paso do tempo. O Concello sumou esforzos coa Xunta de Galicia, o Obispado e a Deputación de Ourense para levar a cabo a restauración deste inmoble de gran relevancia patrimonial e histórico-artística. A actuación eríxese como un exemplo de colaboración entre administracións en favor dos veciños e o resultado das obras é máis que visible. Esta tarde celebrouse o acto de inauguración ao que asistiron a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; os concelleiros Rafa Penabad, Manuel Pérez e Ramón Gómez; o deputado autonómico Carlos Gómez, o portavoz do PP de Xinzo, Antonio Fernández; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o obispo de Ourense, José Leonardo Lemos; o párroco, Jaime Collazo, o arquitecto e construtor da obra e veciños e veciñas de Xinzo.
A rexedora puxo en valor o traballo do anterior grupo de goberno ao iniciar este proxecto e o compromiso do actual por manter o financiamento pese ás dificultades ás que tivo que facer fronte coa pandemia e a posterior crise económica. Tamén insistiu, ao igual que o resto das autoridades que interviñeron, en que a rehabilitación do Complexo Parroquial de Xinzo de Limia é un exemplo claro do resultado da colaboración entre administracións cando unen os seus esforzos en favor da cidadanía.
O proxecto para o acondicionamento integral do Complexo Parroquial contemplou a habilitación das dependencias degradadas con humidades e a construción de tres vivendas para os sacerdotes da parroquia na planta alta. A parte baixe dedicarase a actividades como o catecismo, salas de reunións ou locais para Cáritas. Tamén destaca a recuperación de elementos arquitectónicos tradicionais.
O orzamento para levar a cabo a actuación ascendeu a 500.000 euros. A Xunta, o Obispado e a Deputación aportaron cada unha 150.000 euros, colaborando o Concello co importe restante. Cómpre destacar que a intervención neste inmoble, exemplo da arquitectura civil do século XIX, levouse a cabo polo preocupante estado de conservación que presentaba.