Remata coa entrega de diplomas o “histórico” Obradoiro de Emprego Vía da Prata, que fixo unha discriminación positiva en favor da muller
“O noso parque”. Así chaman agarimosamente as alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata á obra estrela que levaron a cabo nas últimas semanas. Co seu esforzo conseguiron converter unha área degradada á beira do río Limia, ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara, nun punto de reunión ao aire libre para veciños/as e peregrinos/as. Esta mañá celebrouse no salón de plenos da Casa Consistorial o acto de entrega dos diplomas –a trece mulleres e tres homes- e os participantes imaxinaban o día no que poderían levar aos seus netos a coñecer este espazo.
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, estivo acompañada polos concelleiros Ramón Gómez e Manuel Pérez, a concelleira de Sandiás, Pilar Cabrera, e o xefe territorial de Emprego e Igualdade, Iago Borrajo.
A rexedora asegurou que o Obradoiro de Emprego Vía da Prata é “histórico”, pois permitiu realizar unha discriminación positiva en favor das mulleres: “Deste xeito é posible demostrar que homes e mulleres estamos igualmente capacitados para calquera tipo de traballo”. Cabrera agradeceu a colaboración co Concello de Xinzo de Limia e coa Consellería de Emprego e Igualdade para poder levar a cabo as distintas actuacións nos dous municipios e Borrajo, pola súa banda, desexou aos participantes que os traballos realizados “sirvan de cara a mellorar a inserción laboral”.
Cómpre destacar que para dirimir os posibles empates dos candidatos a participar no Obradoiro de Emprego Vía da Prata establecéronse os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.
A obra estrela que xa se pode visitar
As alumnas conseguiron converter a antiga escombreira, emprazada ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara, á beira do río Limia, nunha zona de esparcemento para veciños/as e peregrinos/as. As obras consistiron na construción dunha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre. Ademais, creouse un novo xardín con preto de 200 novas plantas e árbores. Un pequeno estanque tamén decora este espazo no que as alumnas puxeron todo o seu empeño.
Outros espazos da vila como o parque do Pombal tamén mudaron de imaxe nos últimos meses polo traballo das alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata. Máis en concreto, realizáronse traballos para arranxar a pavimentación das lousas e acondicionar as beirarrúas e tamén labores de xardinería.
Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnas traballadoras durante un período de tempo de nove meses.