A segunda edición da Feira das Mozas gaña peso ampliando a súa programación e consolídase no calendario festivo de Xinzo
A Feira das Mozas consolídase no calendario festivo de Xinzo de Limia como unha celebración que viaxa décadas atrás no tempo entre o Entroido e o Esquecemento para poñer en valor a historia de todo un pobo. Mañá, 13 de maio, a programación estenderase durante toda a xornada para revivir a feira como a lembran os maiores do municipio. A Asociación A Pantalla, en colaboración co Concello, organizou os diferentes actos que mesturan música itinerante, unha verbena como as de antes e un mercado de artesanía, entre outras propostas. Ao acto de presentación asistiu a alcaldesa, Elvira Lama; os representantes da entidade cultural, Iván Prado e Leticia Diz, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez.
A rexedora lembrou que a Feira das Mozas era como se chamaba á do 14 de maio por ser a data na que comezaba o bo tempo, cando había máis intercambio social e os rapaces e rapazas comezaban os seus romances. Tamén agradeceu á Asociación A Pantalla o seu esforzo por manter vivas as tradicións e asegurou que “un pobo que non pon en valor a súa historia non pode deseñar un futuro”. A rexedora subliñou que “grazas á Feira das Mozas, veciños e veciñas xa teñen un día sinalado no calendario para festexar unha celebración que forma parte das nosas costumes”.
Ramiro Rodríguez afirmou que a pasada edición foi un éxito e agarda que sexa aínda maior nesta ocasión “pois a programación amplíase con máis actividades e, en definitiva, máis festa”. O edil convidou a toda a cidadanía a implicarse no evento para consolidar a cita como un referente cultural.
Iván Prado detallou a programación, que comezará con moita música e os pasarrúas a cargo de Lirolaio, Tarde Piache, Cidade de Antioquía e Os Ghalos D´Antioquía, entre outras agrupacións que animarán as rúas do casco vello durante todo o día. Para as 20.00 horas agárdase a Verbena D´ Antes, a cargo de Oxeito na Praza Maior. Seguidamente, haberá unha foliada aberta. Unha das novidades desta segunda edición será un Mercado de Artesanía que se emprazará na Praza dos Ovos. A Mostra de Oficios e Saberes Populares instalarase fronte ao Cárcere e haberá xogos populares na Rúa dos Viños, o mesmo escenario no que poderá verse a exposición “A Feira de Xinzo a través do tempo”.