A segunda feira do Estado de Alarma dobra o número de postos sobre a anterior e volverá a haber pulpeiras
Os puntos de venta repartiranse entre a explanada do Toural e o entorno da Praza de Abastos, quedando excluídos os de téxtil, calzado e complementos. Políca Local e Protección Civil dobrarán os seus efectivos para controlar o acceso ás zonas acoutadas en condicións de máxima seguridade.
Pouco a pouco, Xinzo encamíñase cara a normalidade. Xa dentro da fase 2, como o resto de Galicia, tamén recupera en parte as súas feiras, aínda que certas limitacións como consecuencia das medias de seguridade establecidas para facer fronte ao Covid-19.
Así, o próximo mércores, 27 de maio, a vila celebrará a segunda feira desde a entrada en vigor do Estado de Alarma, o pasado 14 de marzo. E con relación á a anterior, que tivo lugar o 14 de maio, percibiranse cambios notables. Por exemplo, triplicase o número de postos, pasando dos 20 que houbo na feira do 14 a 62, o que representa algo menos dun terzo dos autorizados, que son os que establece a normativa sanitaria como máximo para evitar aglomeracións e cumprir o distanciamento físico entre postos e persoas.
Entre os novos postos que se poderán instalar están os de comida, entre os que se inclúen ás pulpeiras, que volverán así á feira de Xinzo. En total haberá 13, das cales 5 estarán situadas no campo da feira e resto repartidas pola vila.
Pola contra, aínda non poderán instalares os postos de venta de téxtil, calzado e complemento, que de momento terán que agardar.
En canto aos emprazamentos, os puntos de venta repartiranse entre a explanada do Toural, igual que na feira anterior, e ademais volverán ao entorno da Praza de Abastos.
As medidas se seguridade, consideradas modélicas durante a feira anterior, consistirán na obrigatoriedade do uso de mascarilla para acceder aos recintos acoutados. Un dispositivo integrado por 8 policías locais e 8 voluntarios de Protección Civil, o dobre do habitual, ocuparase do control de acceso aos recintos valados, así como de ofrecer tanto xel desinfectante como mascarillas ás persoas que no dispoñan delas.
Velarán polo cumprimento das normas sanitarias, especialmente no relativo á distancia mínima persoal, evitando calquera contacto social que non teña por obxecto a compravenda e regulando o acceso se fora necesario para evitar aglomeracións.
Así mesmo, tamén se recomenda aos vendedores (que teñen a obriga de usar luvas e mascarillas) que poñan a disposición dos clientes tanto luvas como xel.
Tal e como xa ocurreu na feira anterior, os postos estarán separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación de 4 metros nos laterais. Dentro de cada posto, os vendedores deberán gardar entre si e como mínimo unha distancia de 2 metros. Cando non sexa posible, so poderá haber un en cada posto.
Todas estas decisións, tanto as que teñen que ver coas medidas de seguridade como coa distribución dos puntos de venta, foron adoitadas nunha reunión entre a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama; o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez; o concelleiro de Tráfico, Ramón Gómez; o inspector xefe da Policía Local e o coordinador de Protección Civil.