O seminario para a inclusión sociolaboral de migrantes da USC cambia de escenario á Casa da Cultura polo éxito de participación
Novo éxito de participación nunha proposta formativa da USC en Xinzo de Limia. Despois do interese que espertaron as xornadas que levaron por título “Camiños de coñecemento e experiencia” e foron dirixidas a maiores de 50 anos, a Casa da Cultura será nos próximos días o escenario no que se celebrará o seminario “Competencia intercultural, empregabilidade e participación. Vías para a inclusión sociolaboral de persoas migrantes”. Neste caso, a proposta está aberta a toda a poboación e celebrarase os días 28, 29 e 31. Aínda que nun primeiro momento se pensou no salón de plenos para desenvolver a iniciativa, o número de inscritos obriga a trasladala. Serán, en total, 20 horas de formación e seguiranse todas as medidas sanitarias vixentes. Os participantes deberán cumprir coa normativa e asistir ao 80% do curso para a súa certificación.
Mañá comezará o programa cunha sesión introdutoria de 16.00 a 21.00 horas. Entregarase o material, presentaranse os contidos e os asistentes recibirán orientacións na realización do traballo individual, ademais de nocións para demostrar as competencias adquiridas no eido social e laboral. Está previsto que ao acto de apertura acuda a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez. Durante a sesión intervirán os expertos Alexandre Sotelino Losada, Ana Vázquez Rodríguez e Xosé Losada Enríquez.
A programación seguirá o sábado, en horario de 9,30 a 14,30 horas, con nocións sobre a competencia intercultural e para a construción dunha traxectoria profesional no marco migratorio. A inserción socioeducativa como vía para a empregabilidade será outro dos temas a tratar nesta xornada que será dirixida por Miguel Santos Rego e Jesús García Álvarez. Tamén está previsto que ás 13,30 horas se faga a entrega dos diplomas do seminario “Educación e Participación Social: O coñecemento dos valores da sociedade de acollida”, celebrado con anterioridade.
Unha sesión telemática de seguimento dos traballos programouse para o luns, día 31 de maio. Os participantes contarán cunha titoría individual para o seguimento dos traballos e daranse pautas para a súa mellora e optimización.