Un seminario sobre a soidade non desexada abrirá o novo curso que a USC ofrece aos maiores de 50 anos en Xinzo
A Universidade de Santiago de Compostela volve a fixar en Xinzo de Limia o escenario no que se celebrará, ao longo deste mes de abril, un novo curso de formación universitaria para maiores de 50 anos. A iniciativa leva por título Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento e arrancará o día 15 cun seminario sobre a soidade non desexada e unha sesión práctica que será impartida pola traballadora social Cristina Ruibal.
A alimentación saudable dos adultos e persoas de idade avanzada será o tema central do seminario previsto para o 22 de abril. Tamén se ofrecerá o obradoiro Que hai nos noso pratos?, que dirixirá Nuria García, profesora da Facultade de Enfermería da USC.
O último sábado deste mes falarase sobre diversidade e conservación e inclúese unha visita guiada. Teresa Rodríguez, profesora da Facultade de Veterinaria no Campus de Lugo e Emilio Carral, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, serán os encargados de dirixir a xornada. As sesións desenvolveranse na Casa da Cultura.