Xinzo de Limia Concello

Un simulacro de evacuación por incendio no Conservatorio demostrou a efectividade do Plan de Autoprotección que promoveu o Concello

simulacro1
simulacro1

Catro minutos. Este foi o tempo que se tardou, onte á tardiña, en evacuar a medio cento de alumnos e profesores do Conservatorio de Xinzo de Limia. Foi un simulacro de incendio, pero demostra a efectividade do Plan de Autoprotección que promoveu o Concello pola rápida resposta non só dos docentes e estudantes que se atopaban no centro, senón tamén dos medios externos (Bombeiros, Policía Local e Protección Civil) nunha situación de risco. Hai máis cifras que o demostran, xa que os bombeiros tardaron menos de dez minutos en actuar nas instalacións unha vez que se deu a voz de alarma. O Plan, encargado polo Concello, foi elaborado por un técnico superior en prevención de riscos laborais.

O simulacro realizado onte foi unha parte necesaria para a implantación do Plan de Autoprotección. Previamente, os profesores recibiron a formación precisa en canto á manipulación de extintores e outras nocións para actuar en caso de incendio. Incluso unha médica ofreceu clases de primeiros auxilios.

O Plan de Aurtoprotección, que xa está operativo, comezouse a elaborar antes da pandemia e recupérase para velar pola seguridade da cidadanía. Cómpre destacar que o Entroido de Xinzo de Limia hai anos que conta cun plan destas características e o executivo local traballa para estendelo ao máximo de instalacións municipais que sexa posible.