Xinzo de Limia Concello

Todos os partidos do Concello aproban a proposta da alcaldesa para que a Xunta deixe abrir o centro Limisi

Pediranlle a outros 16 concellos que se sumen a esta demanda: “non é comprensible que abran os centros privados e non os sen ánimo de lucro”, recolle o acordo.

Preme aquí par ver a acta da  Xunta de Portavoces.

 

WhatsApp Image 2020-06-05 at 15.15.20
WhatsApp Image 2020-06-05 at 15.15.20

Unanimidade entre todos os grupos políticos do Concello de Xinzo entorno á proposta da alcaldesa, Elvira Lama, para pedir a reapertura inmediata do centro ocupacional da asociación Limisi. Ademais dos concelleiros dos partidos que forman o grupo de goberno (PSdeG-PSOE, AXIL e BNG), tamén votaron a favor tanto o PP como Cidadáns, ambos na oposición.

Nun primeiro momento, a Xunta de Galicia anunciou a apertura deste tipo de centros (xunto a escolas infantís e centros de día) ao entrar na fase 2 da desescalada, si ben a continuación desdíxose e fixou como nova data a do 1 de setembro.

Na súa exposición, Elvira Lama considerou “indispensable” a reapertura do centro para “para dar resposta ás necesidades de terapias dos usuarios e usuarias que levan dende a declaración do estado de alarma sen a atención que precisan, cun deterioro na súa saúde mais que considerable”. 

“A maior abondamento” -recolle tamén o acordo- “consideramos que non resulta comprensible, nin para as familias nin para a Asociación que presta este servizo, que non podan abrir o centro, sendo como é unha entidade sen animo de lucro, mentres que si se permite a apertura de centros privados ou con animo de lucro”. 

Nesta Xunta extraordinaria de Portavoces acordouse tamén dar traslado do acordo a todos os concellos nos que Limisi desenrola a súa actividade, entre os que se atopan Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Trasmiras, Calvos de Randín, Os Blancos, Baltar, Maceda, Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Allariz e Cualedro. 

Segundo recolle a acta, o acordo insta á que as “consellerías de Política social e de Sanidade da Xunta de Galicia reconsideren a súa postura e trasladen o Presidente do Goberno de Galicia a necesidade urxente de que se poidan abrir os centros ocupacionais, e os gabinetes rehabilitaredes das entidades sen animo de lucro, cumprindo todas as medidas hixiénicas establecidas, nomeadamente a Asociación Limisi de Xinzo”.

 Este acordo será levado tamén ao próximo pleno municipal.

Na quenda de intervencións, Elvira Lama expuxo que “non é xusto que os usuarios e usuarias da asociación Limisi estean privados dos servizos que presta, cuxa falla afecta tamén as súas familias”.

O portavoz do PP, pola súa banda, dixo estar a favor de calquera medida a prol dos veciños de Xinzo de Limia”, motivo polo que apoiou a proposta da alcaldesa, esperando que “a Xunta recapacite e deixe desenvolver a actividade á Asociación Limisi”. Tamén quixo deixar constancia de que “as medidas propostas pola Xunta de Galicia (con relación á desescalada) non cumpren as expectativas da Asociación Limisi, pero si que satisfacían as expectativas doutras asociacións”.