Xinzo de Limia Concello

A USC presenta en Xinzo as xornadas de formación para maiores de 50 anos que “democratizarán o saber”

USC2
O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o docente da USC Alexandre Sotelino

Unha fórmula democrática de achegar o saber á poboación. Así definiu a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, as xornadas de formación para maiores de 50 anos que levan por título “Camiños de coñecemento e experiencia” e que se están a desenvolver este ano por primeira vez na provincia de Ourense. A iniciativa presentouse esta mañá no salón de plenos do Concello de Xinzo e ao acto asistiron, ademais da rexedora, o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e o profesor da facultade de Ciencias da Educación da USC, Alexandre Sotelino.

Rodríguez insistiu na relevancia das xornadas: “Cando se nos presentou esta oportunidade non o dubidamos. Trátase dunha iniciativa extremadamente interesante porque vai dirixida a un colectivo esquecido culturalmente”. O edil de Cultura e a rexedora manifestaron o seu desexo de que as xornadas teñan continuidade no tempo e que cada vez teñan máis participación.

A primeira sesión está prevista para este sábado cun seminario sobre o patrimonio cultural de Xinzo e incluirase unha visita guiada á Pedra Alta de Antela aos Miliarios de Vilariño das Poldras. Carolina Casal Chico, doutora en arte medieval pola USC, será a encargada de achegar os tesouros culturais de Xinzo aos asistentes. O profesor da facultade de Ciencias da Educación da USC, Alexandre Sotelino, recordou as tres funcións da Universidade: a docencia, a investigación e a transmisión. Recalcou que de pouco serven as dúas primeiras se non se produce a transmisión e engadiu: “O profesorado tamén se beneficia deste tipo de iniciativas, pois nós tamén aprendemos e nos relacionados cos veciños”.

A criminoloxía e a política criminal serán os temas principais das xornadas na charla programada para o 17 de abril e na que se incluirá unha sesión práctica para a resolución de casos e análise de pegadas dactilares da man da experta Ana Moure Soengas, graduada en Ciencias Políticas e Criminoloxía.

A última sesión da programación está prevista para o 24 de abril e nela falarase sobre as medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades no que poderán participar os asistentes cun debate. Sergio Cinza Sanjurjo, médico de Atención Primaria, dirixirá o encontro.

Cómpre destacar que as xornadas terán como escenario a Casa da Cultura de Xinzo de Limia, en horario de 10:00 a 11:30 horas e de 16:30 a 18:00 horas. As sesións cumprirán cos protocolos sanitarios para evitar a propagación do covid-19.