Xinzo de Limia Concello

Xinzo activa unha campaña informativa cunha vintena de pautas para o bo uso dos contedores e a recollida de excrementos de animais

contedores
contedores

Ante os comportamentos incívicos, o Concello de Xinzo de Limia aposta pola información. As malas prácticas, aínda que minoritarias, no uso dos contedores e na recollida de excrementos de animais pasan factura na convivencia e o executivo local quere poñerlles freo. Por iso vén de activar unha campaña informativa cunha vintena de pautas que fan fincapé nos horarios para o depósito do lixo e recomendacións para unha correcta reciclaxe. Así, recórdase que no contedor azul só se deposita o papel e o cartón; que no verde só se recicla vidro e que no amarelo deben depositarse os envases metálicos, de plástico e bricks. Tamén se insiste en que as bolsas de materia orgánica non poderá depositarse antes da 20.00 horas nin despois das 3.00 horas, todos os días do ano.

Do mesmo xeito, recórdase que existen recipientes específicos para pilas ou roupa, ademais da dirección ou o contacto do Punto Limpo. Activouse un novo número de teléfono para solicitar a retirada de voluminosos e nas redes sociais do Concello xa se informou sobre os horarios e os días nos que se poden depositar este tipo de residuos nestas instalacións. Será os mércores e xoves de 17.00 horas a 19.00 horas e o sábado de 10.00 a 14.00 horas.

No relativo á recollida de excrementos de animais, insístese en que se trata dunha responsabilidade do propietario e en que a multa por non cumprir con ela pode chegar ata os 500 euros. A guía informativa publicarase nas redes sociais e na páxina web do Concello de Xinzo de Limia co obxectivo de que de chegue ao maior número de veciños e veciñas.

Con esta campaña intensifícanse os esforzos do executivo local para evitar que os malos hábitos se sigan reflexando nos espazos públicos. A alcaldesa, Elvira Lama, vén de publicar nas últimas semanas dous bandos nos que se volve a insistir na responsabilidade individual, tanto para o uso dos contedores como para a recollida dos excrementos de animais, e se recorda á cidadanía as sancións por incumprir.

Cómpre destacar que Xinzo de Limia conta cunha ordenanza de boas prácticas veciñais que contempla horarios para deixar o lixo, entre outras indicacións, pero as rúas non sempre locen libres de sucidade, polo que as campañas informativas pretenden cambiar esta imaxe.