Xinzo de Limia Concello

A corporación aproba un convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para o acondicionamento da Avenida de Celanova

A aprobacion tivo lugar este xoves pola mañá en sesión plenaria de carácter extraordinario

IMG_7289

O convenio inclúe o acondicionamento da OU-531, a mellora de vías municipais e a racionalización da rede viaria de titularidade autonómica.

Nun pleno extraordinario celebrado na mañá do xoves a corporación municipal aprobou por unanimidade o convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para a mellora da Avenida de Celanova. No acordo tamén se contemplan acondicionamentos en vías municipais e autonómicas.

Tras aprobarse o carácter urxente do pleno, o rexedor local Manuel Cabas, deu paso á introdución da proposta de acordo que xa previamente fora votada por unanimidade de todos os grupos políticos en comisión. O convenio inclúe unha reformulación das actuacións que nun primeiro momento se establecera realizar na Avenida de Celanova.

O citado convenio foi aprobado por unanimidade, aínda que dende os grupos da oposición solicitouse que o proxecto fose posto en común coa veciñanza, coa fin de que puideran realizar aportacións. Tamén se formulou a posibilidade de poñer en marcha unha comisión de seguemento das obras. As propostas da oposición foron recollidas favorablemente polo goberno local.