Xinzo de Limia Concello

Xinzo camiña por causas solidarias e reivindicativas e promove tres andainas en menos dun mes

Andaina Xinzo Sorteo de Oro 2022_page-0001
Andaina Xinzo Sorteo de Oro 2022_page-0001

Tres andainas en menos dun mes celebraranse en Xinzo de Limia nunha aposta decidida do Concello polo deporte e as actividades ao aire libre. Os participantes no primeiro percorrido, de 8 quilómetros e previsto para este domingo, tamén contribuirán a unha boa causa, xa que se realiza en favor da Cruz Vermella. A saída terá lugar ás 10.00 horas dende a Praza Carlos Casares e os interesados poden inscribirse na sede  da entidade, emprazada na rúa Río Arnoia.

O Concello tamén colabora nas dúas seguintes rutas, marcadas no calendario os días 24 de xuño e 3 de xullo e organizadas polo Clube de Montaña As 4 Torres. Para finais de mes, o día 24 de xuño, programouse a primeira Andaina Vila de Xinzo. A proba constará de dous percorridos, de 18 e 9 quilómetros, e ambos de nivel medio-baixo. A iniciativa trata de fomentar as actividades deportivas e de mostrar os paraxes máis emblemáticos da zona. A saída tamén está prevista dende a Praza Carlos Casares, ás 9.30 horas.

A derradeira andaina dentro da programación de verán, a Ruta Gudín-O Larouco, celebrarase o 3 de xullo. Trátase dun percorrido que pretende dar a coñecer o impacto da liña de alta tensión proxectada no entorno.

As andainas son unha novidade dentro da programación deportiva de verán do Concello de Xinzo, a máis completa que se recorda e que se organizou en colaboración co Clube de Montaña As Catro Torres, E.D.C. Xinzo, Limiactiva, Fusion Fitness e A.B.Xinzo.

O presidente do Clube As Catro Torres, Tito Portela, calcula que ao redor de 300 persoas participarán na Ruta Gudín-O Larouco, e que serán máis de 200 na Andaina Vila de Xinzo. O representante desta entidade destaca os paraxes que poderán percorrer os camiñantes: “A beleza da paisaxe é incomparable no Larouco, pero cada ruta ten o seu encanto e merece a pena desprazarse a Xinzo de Limia para comprobalo”.

A entidade creouse recentemente e ten a súa sede en Xinzo de Limia, nun local compartido e cedido polo Concello no pavillón.