Xinzo estrea unha minuciosa guía para o asesoramento das mulleres en materia de igualdade, conciliación, saúde ou emprego
A lexislación en materia de igualdade avanza, pero os recursos actuais aínda non son suficientes. Tendo en conta que a información é a mellor arma para acadar unha sociedade mellor, o Concello de Xinzo de Limia estrea unha minuciosa guía de preto de cen páxinas na que se ofrece asesoramento sobre conciliación, saúde, emprego ou violencia de xénero. A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, presentou esta mañá o manual, que conta co financiamento do Pacto de Estado do Goberno e que estará dispoñible nas dependencias municipais, no Centro de Información á Muller (CIM) e poderá consultarse na páxina web do Concello e nas súas redes sociais.
Tal e como explicou a rexedora, a elaboración da guía foi coordinada pola consultora RED Talento, que coñece de primeira man a situación das mulleres de Xinzo de Limia e dos concellos da comarca, xa que nestes se está a desenvolver de forma simultánea o Programa Hypatia financiado pola Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia.
Guía de dereitos, recursos e programas para as mulleres é o título completo do documento que conta con nove capítulos. Na introdución defínese o principio de igualdade, mentres que nos seguintes expóñense os dereitos laborais e de conciliación, ademais dos específicos laborais para as vítimas de violencia de xénero, o dereito á saúde sexual e reprodutiva e os dereitos das mulleres estranxeiras vítimas da violencia de xénero. Por último, explícanse os diferentes recursos e programas de emprendemento.
A, alcaldesa, Elvira Lama, fixo fincapé en que o obxectivo da guía é dar a coñecer os dereitos das mulleres, os recursos que están ao seu dispor e os programas específicos, así como os servizos de información e de asistencia dos que dispoñen, e que en moitos casos son descoñecidos por aquelas que precisan utilizalos: “As mulleres estamos acostumadas a resolver moitas situacións complexas, pero non sempre sabemos que existen servizos que están ao dispor e que temos dereito a usar, sexan municipais, provinciais ou estatais”.