Xinzo de Limia Concello

Xinzo impulsa unha campaña a través da mirada de seis protagonistas que dan visibilidade á realidade da muller no concello

undefined

Antes as bandas de música non tiñan mulleres e cando empecei a estudar no Conservatorio eu era a única saxofonista. Hoxe a realidade vai cambiando e eu entre o meu alumnado teño a máis mulleres que homes”. Son palabras de Esmeralda Marra, directora do Conservatorio de Xinzo. Ela é unha das seis protagonistas da campaña multimedia “As donas de Xinzo. Mulleres que escriben historia”, que o Concello vén de activar con motivo da programación do 8M, co firme propósito de seguir avanzando na loita pola igualdade.

Esmeralda Marra, Esperanza Pérez, Fátima Ben Aicha, María del Carmen Casal, Milagros Moure e Pepita Fernández teñen moito que contar e as súas experiencias déronse a coñecer esta tarde no salón de plenos da Casa Consistorial, onde a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, acompañou ás seis protagonistas e presentou a iniciativa: “Con esta campaña de comunicación, deseñada con todo mimo e cariño, queremos dar un paso firme neste camiño para colocar ao concello como referencia feminista de Galicia, cunha campaña na que se identifiquen todas as mulleres do municipio e de todo o mundo”.

A rexedora tamén dedicou palabras ás protagonistas: “Son mulleres valentes e decididas que nos falan abertamente e son referentes para outras que veñen detrás, mulleres que son compendio das que nos precederon”.

As seis mulleres dan visibilidade á realidade das mulleres de Xinzo de Limia. Teñen diferentes idades e profesións: dúas sanitarias, unha mestra, unha futbolista, unha mestra de autoescola e empresaria e unha saxofonista e directora do Conservatorio de Xinzo. En definitiva, perfís diferentes pero moito que contar e un obxectivo común: seguir avanzando a favor da igualdade.

 “As donas de Xinzo. Mulleres que escriben historia” leva días creando expectación nas redes sociais do Concello, onde se pode visualizar o make-off da campaña e a portada da revista Time sobre a que a xira a idea principal. Aquela publicación recoñeceu como persoa do ano a cinco mulleres, rostros do movemento #MeToo. Agora Xinzo de Limia ten as súas propias protagonistas do ano, que poderían ser todas as veciñas, a súa propia portada icónica e esta colocarase por toda a vila. A portada histórica da revista Time, asociada á cuarta ola feminista, ten agora o seu reflexo en seis mulleres reais de Xinzo.

O Concello estenderá a programación polo Día da Muller durante todo o mes de marzo. Mañá, 8M, a cidadanía sairá á rúa para recoñecer a loita das mulleres pola súa participación na sociedade e instalarase unha carpa informativa do CIM na Praza Maior, dende as 10.00 horas. Organizouse unha concentración e a lectura da declaración institucional, neste mesmo punto, a partir das 12.00 horas.

O 11 de marzo haberá un prato forte da programación coas charlas con Ana Peláez, presidente do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW, polas súas siglas en inglés e con sede en Xinebra), vicepresidenta de la Fundación Cermi, Alta Comisionada para a solidariedade e cooperación do Grupo Social ONCE e vicepresidenta da Fundación ONCE para América Latina.

O 14 de marzo presentarase o Plan de Igualdade, unha folla de ruta que planificará con medidas, indicadores e sistemas de avaliación a política de igualdade municipal durante os vindeiros catro anos.

O día 25 de marzo, para pechar o mes dedicado á muller, organizouse unha homenaxe á matrona Genoveva Vázquez Calviño e o descubrimento dunha placa na súa casa. O executivo local quere destacar o seu traballo, co que axudou a nacer a numerosos veciños.

Esta programación que se estende durante todo o mes de marzo reflexa a aposta decidida polo executivo local para dar visibilidade a esta loita social.