Xinzo de Limia Concello

Xinzo outorgará a súa Medalla ao sanitario José Gil Paz, “que chegaba a todos os pobos para atender aos seus pacientes a pé, en moto ou bicicleta”

O sanitario José Gil Paz recibirá a Medalla do Concello de Xinzo de Limia pola súa dedicación aos pacientes. O expediente de honra, no que se destaca o seu esforzo “por chegar a todos os pobos para atender aos seus pacientes a pé, en moto ou bicicleta” levarase á sesión plenaria do venres. O executivo local pretende brindarlle unha homenaxe a título póstumo pola súa traxectoria e dedicación na asistencia pública, exercida en moitas ocasións dun xeito altruísta.

Nado en Solveira en 1921, pasa a súa infancia no seu pobo natal e rematados os seus estudos, con 25 anos, é titulado pola Universidade de Valladolid como practicante autorizado para atención de partos. A partir dese momento pasa a formar parte dos sanitarios de Xinzo.

No ano 1950 contrae matrimonio con Elisa Rodríguez, orixinaria de Pena, Xinzo de Limia. Mentres transcorre o tempo atendendo aos pacientes, poñendo vacinas e tratamentos que prescribían os médicos, José Gil segue formándose e obtén o título de practicante de asistencia pública cun soldo anual de 1.500 pesetas. Afortunadamente, Elisa tamén obtén o título de matrona pola Universidade de Santiago e desempeñou a súa labor neste concello. A súa esposa morre aos 59 anos e Pepe, como moitos o coñecían, segue traballando na súa casa e como sanitario alí onde se lle necesitaba ata a súa xubilación despois de 35 anos de servizo.

O seu pasamento, na súa casa de Xinzo no 2018, deixa un oco na vida dos limiaos e limiás. Tal e como se destaca no expediente de honra “José Gil deixou na memoria de todos e todas un profundo respecto pola súa labor e pola súa contribución a mellorar a saúde da nosa xente”.