Xinzo de Limia Concello

Xinzo pon a disposición os terreos para eliminar os vertidos ao Limia e crear sendas peonís e para bicis

O proxecto para eliminar os vertidos ao río Limia e acondicionar o seu entorno avanza sen pausa. Un ano despois de que o Concello de Xinzo e Confederación Hidrográfica Miño-Sil comezasen a dar os primeiros pasos para acometer esta ambiciosa actuación, o pleno aprobará o próximo xoves a posta a disposición dos terreos para comezar as obras.

Foi a finais do mes de marzo cando ambas administracións firmaron un acordo no que se estableceu a co-financiación dunha actuación que suporá unha inversión de 1.420.000 euros. O Goberno Central, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, aportará o 80% do presuposto, mentres que a achega municipal será do 20%. Así quedaron determinadas as condicións económicas para a colaboración entre o Concello e a Confederación para unha intervención moi demandada e que permitirá a recollida de todos os vertidos ao río Limia e a súa canalización a un pozo existente da rede municipal, no parque do Toural, que os enviará á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).

Paralelamente, estableceranse as actuacións precisas para mellorar as condiciones de mobilidade na zona, a través de senda peonil e carril bici, en ambas beiras do río entre a estrada de Baltar e a ponte da calle Sitibal.

Para a eliminación dos vertidos empregarase unha tecnoloxía que permitirá o cruce subterráneo do río Limia. Máis en concreto, as obras de saneamento consistirán na recollida de vertidos da zona do antigo matadoiro, de construcións na marxe da estrada de Baltar e Avenida de Portugal, así como outros vertidos de edificacións na marxe esquerda do río Limia, incluída a zona das piscinas municipais, pavillón e o resto de instalacións deportivas municipais. Canalizaranse ata un pozo existente no parque do Toural, dende onde se transportarán á EDAR.

Unha vez eliminados os vertidos, urbanizaranse as dúas marxes, con sendas cun carril bici e unha senda peonil, entre a ponte da estrada de Baltar e o da rúa Sitibal no parque do Toural.