Xinzo prioriza aos peóns fronte aos coches, implica á veciñanza na mellora da seguridade viaria e advirte aos infractores: Evitar multas é so cousa túa
Como unha peza máis do Plan de Seguridade Viaria que puxo en marcha o executivo local de Xinzo de Limia cando chegou ao goberno e que pretende unha vila máis respectuosa cos peóns. Así foi definido pola alcaldesa, Elvira Lama, a nova campaña de tráfico presentada esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial. A rexedora estivo acompañada polo edil de Mobilidade, Ramón Gómez, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, e o cabo da Policía Local, Simplicio González.
Baixo os lemas “A seguridade viaria é cousa túa” e “Evitar as multas é só cousa túa”, a iniciativa pretende concienciar a poboación sobre os perigos das malas prácticas ao volante. Así, os obxectivos que se pretenden son os seguintes: Acadar unha vila máis inclusiva e segura, liberar os espazos públicos de coches en favor dos peóns e ofrecendo alternativas de estacionamento, restrinxir o acceso de vehículos ás zonas peonís, implicar á cidadanía e sancionar aos infractores.
Así o explicou a alcaldesa, Elvira Lama: “Con todas estas actuacións queremos tamén mellorar o respecto e a convivencia entre as persoas que viven e traballan en Xinzo, que en ningún caso se merecen atrancos para sacar os coches dos seus garaxes por estacionamentos indebidos nos vaos, camiñar esquivando coches polas zonas peonís ou atopar ocupada a carga e descarga cando están traballando”.
A rexedora tamén insistiu en todo o traballo que se leva facendo neste mandato para dar prioridade á seguridade dos peóns. Así, creáronse preto de 400 novas prazas de estacionamento disuasorios gratuítos, incluídos dos aparcadoiros ao aire libre. Tamén se iniciaron as xestións para rescatar o párking subterráneo de Carlos Casares e limitouse a velocidade en todo o casco urbano da vila a 30 quilómetros por hora. Ademais, darase prioridade á construción de carrís bici en novos proxectos como o da Moreira, arredor do río e dende o centro da vila ata os institutos. Tamén cómpre destacar que a reforma dos accesos á vila pola N-525 conta con dúas rotondas, pasos elevados e plataformas á altura do Pombal e a Praza Maior.
Pola súa banda, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, explicou que o futuro vai nesta mesma dirección: “Felicito ao Concello por levar a cabo esta iniciativa cunha política de mobilidade. Todos os anos hai accidentes con peóns e, se tomamos medidas, conseguiremos reducilos”. Tamén puxo a cidades como Pontevedra como exemplo e modelo, onde dende o 2011 non hai falecidos en vía urbana.
Nova tecnoloxía para os axentes
Unha vez que se puxo en marcha a campaña, a vixilancia incrementarase. As malas prácticas ao volante terán consecuencias en Xinzo de Limia, sobre todo en zonas como o casco histórico, onde é frecuente atopar vehículos mal estacionados. A Policía Local xa conta con nova tecnoloxía para evitar as infraccións, ordenar a circulación, liberar espazo para os peóns e mellorar a seguridade viaria.
Máis en concreto, o que se pon a disposición dos axentes é nova tecnoloxía para a formulación de denuncias e acceso a bases de datos, lectores de matrículas, cámaras, sistemas de control de velocidade ou dispositivos para detectar os vehículos que se salten os semáforos en vermello. Todo isto grazas a que o Concello adheriuse ao acordo marco coa Central de Contratación da Femp, que sacou a concurso este servizo que ofrece a todos os municipios do país. Xinzo é un dos primeiros de Galicia en acollerse ao mesmo.
A través dunha app móbil axilizarase a xestión e tramitación das multas. Sen custo para o Concello, puxéronse a disposición dos axentes diferentes medios tecnolóxicos que permitirán ordenar o tránsito de vehículos, controlar o acceso a zonas restrinxidas ou a velocidade...
A todo isto se suma unha campaña informativa que o Concello de Xinzo activará na súa páxina web e redes sociais para concienciar á poboación.