Xinzo de Limia Concello

Xinzo recupera o Entroido “de toda a vida” e apela ao sentimento para implicar á cidadanía

presentación2
presentación2

Neste 2023 o Entroido de Xinzo de Limia volverá a ser “o de toda a vida”. Despois de anos de restricións pola pandemia os festexos, declarados de interese turístico internacional, recuperan a programación máis tradicional e esta deuse a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa na que interviñeron a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e os representantes da Comisión, Adriana Jiménez e Camilo Vila. A rexedora asegurou que se trata do “acontecemento festivo máis agardado en Xinzo, polo que levamos meses traballando sen descanso para que o concello viva uns días entrañables nos que ninguén será forasteiro”.

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, detallou un programa que comezará o próximo sábado día 28 de xaneiro co petardazo e que recupera os desfiles con toda a súa espectacularidade. O edil asegurou que nos próximos días distribuirase o cartel e o programa ao completo e insistiu en que “o Entroido é por e para os veciños”. Destacouse tamén o Domingo Fareleiro (29 de xaneiro), cando o Concello volverá a facer o reparto de fariña; o 4 de febreiro co Colgamento do Meco; o 5 de febreiro será o Oleiro para os nenos en horario de mañá e para adultos pola tarde e o 12 de febreiro o Corredoiro.

Nos días grandes haberá algunhas novidades. O desfile infantil será o día 17 de febreiro e contarase coa participación de todos os centros educativos do concello e doutros convidados de toda a comarca. Ademais, o martes de Entroido trasladarase o tradicional desfile ao horario de mañá, co fin de que poidan participar o maior número de veciños, veciñas e visitantes e repartiranse 4.000 euros en premios individuais e de comparsas.

Durante case un mes, o Entroido sentirase en cada recuncho da vila. Precisamente ao sentimento apelouse na rolda de prensa para fomentar a implicación da cidadanía. Así o explicou a presidenta da Comisión, Adriana Jiménez: “Este sentimento cobra forza este ano porque recuperamos os festexos tradicionais, pero sempre vai con nós”.

O cartel da deseñadora Marta Rodríguez reflexa a esencia do programa, no que a música cobra un gran protagonismo e os desfiles volven con toda a súa espectacularidade.

Nos próximos días darase a coñecer o plan de seguridade no que volverá a haber videovixilancia e puntos violeta e estanse mantendo encontros con Policía Local e Garda Civil para definir todo o dispositivo. Tamén se solicitou o Posto de Mando Avanzado. A rexedora fixo un chamamento ao comportamento cívico para evitar os incidentes.