Xinzo de Limia Concello

Xinzo suma 400 prazas máis de aparcamento disuasorio cun segundo parking e as da rúa Sitibal

aparcadoiro
aparcadoiro

Nas próximas semanas, os veciños e visitantes de Xinzo de Limia terán máis prazas de estacionamento disuasorio a súa disposición,  unha vez que rematen as obras de construción do aparcadoiro  da avenida de Celanova.

Xunto co que xa está operativo na rúa Curros Enríquez, nas inmediacións da Casa Consistorial e coas mesmas características, serán dous os espazos públicos dedicados ao estacionamento de vehículos ao aire libre, trala demanda dos comerciantes para favorecer as vendas nunha época de pandemia na que o sector sufriu especialmente as súas consecuencias económicas.  

En cifras, o municipio sumará preto de 400 prazas máis para aparcar gratuitamente no centro da vila e no entorno máis próximo. Cómpre destacar que a renovada rúa Sitibal e a Cepetal contan con arredor de 250 prazas, mentres que son un cento as que oferta o párking ao aire libre de Curros Enríquez e  25 as que porá a disposición a nova instalación da  avenida de Celanova.

As obras deste novo aparcadoiro avanzan a bo ritmo e está previsto que rematen nos próximos días. Serán, en total 1.025 metros cadrados os que se porán a disposición dos veciños e visitantes e o espazo contará con iluminación LED.

Plan de Mobilidade e Accesibilidade

A posta en marcha destes aparcadoiros gratuítos enmárcase dentro do Plan de Mobilidade e Accesibilidade do Concello, que pretende eliminar barreiras e facer da vila un lugar máis cómodo e atractivo para veciños e visitantes, dando prioridade aos peóns sobre os coches.

Con estes aparcamentos disuasorios preténdese tamén ofrecer estacionamentos alternativos ás rúas máis céntricas da vila.

Dinamizar o comercio é outro dos obxectivos que persegue o executivo local nun momento no que a pandemia mantén ao sector nunha crise económica que se está a levar por diante moitos negocios.