Xinzo súmase ao reto de incrementar nun 10% a reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks
O coidado do medio ambiente pode ter premio en Xinzo de Limia. O concello súmase á iniciativa Únete ao reto, en colaboración coa Xunta de Galicia e Ecoemebes e que ten como obxectivo fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks en contedores amarelos. A meta é incrementar, ao menos nun 10%, as cifras de recuperación deste tipo de residuos con respecto ao ano anterior. Once municipios das catro provincias galegas participan na campaña e aqueles que consigan o reto obterán como recompensa 1.500 euros, cantidade que deberán destinar á causa social que elixan.
A concienciación social será clave para conseguir a meta. Ao longo dos próximos meses, Xinzo de Limia contará con programación especial nas súas rúas para dar a coñecer a importancia e o beneficioso que para o medio ambiente pode ser a reciclaxe. Así, instalaranse contedores xigantes e realizaranse actividades promovidas por 16 monitores do proxecto, que estarán un mínimo de catro días en cada municipio.
A iniciativa comezou a desenvolverse esta mesma semana e estenderase ata o 30 de xuño. Ademais de Xinzo de Limia, na campaña participan Barbadás, Celanova, Arzúa, Melide, Ribadeo, Baiona, Mos, Nigrán, Salvaterra de Miño e Silleda. En total, suman preto de 140.000 habitantes.