Xinzo de Limia Concello

Xinzo e a UNED colaboran para romper barreiras de comunicación cun curso de lingua de signos

O Concello de Xinzo de Limia e a UNED colaboran para romper as barreiras de comunicación existentes entre as persoas xordas e oíntes. Na Casa da Cultura desenvolverase un curso de lingua de signos que pretende concienciar sobre a importancia de coñecer e comprender o mundo das persoas que deben empregar esta linguaxe na súa vida cotiá. Nunha sociedade cada vez máis sensibilizada con este colectivo, a iniciativa preséntase como unha oportunidade idónea para aprender esta lingua, xa sexa por motivos laborais, familiares, educativos ou por simple curiosidade.  As sesións desenvolveranse de forma presencial e os interesados poden inscribirse na páxina web da UNED, onde se detalla a programación.

O alumnado terá un primeiro contacto coa lingua de signos e adquirirá contido e ferramentas básicas para poder compensar as diferencias lingüísticas entre a lingua oral e a de signos e manter con certa fluidez conversacións básicas sobre cuestións da vida cotiá.

As sesións serán impartidas por unha intérprete desta lingua e terán unha duración de dúas horas e media divididas en 12 sesións. En cada tema tratarase contido léxico, gramatical, sociocultural e pragmático. As actividades que se realizarán en cada sesión serán de comprensión e de expresión. Deste xeito, as clases desenvolveranse de forma práctica case na súa totalidade.

O concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, destacou a importancia desta iniciativa, “xa que hai que coñecer outras realidades para así poder romper barreiras e aprender linguaxe de signos e como aprender un novo idioma, o idioma das persoas que non teñen voz”.