Xinzo, Vilar de Barrio e Sandiás poñen en marcha o programa Hypatia, unha actuación integral destinada ás mulleres
O Programa Hypatia, que leva a o nome da primeira científica da historia, é unha iniciativa de atención, asesoramento, formación e intervención con mulleres de diversos perfís e de todas as idades. Os concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás, nun exercicio de cooperación institucional, deseñaron este Programa no marco da convocatoria da Xunta de Galicia, que financia as actuacións a través da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, concretamente da Secretaría Xeral de Igualdade.
Hypatia chega á comarca limiá nun momento de dificultades e desafíos sociais e económicos para a zona, e presenta as políticas públicas de igualdade como elemento nuclear e imprescindible para a recuperación despois de anos moi complicados.
As actividades e accións do Programa compleméntanse con asesoramento especializado especialmente laboral, coa elaboración de itinerarios de inserción laboral e con visitas e empresas e a boas experiencias de emprendemento e autoemprego.
Co Porgrama preténdese establecer unha diagnose sobre a situación social, laboral e económica con perspectiva de xénero e aplicando indicadores de participación política, cultural, deportiva, asociativa ou de saúde. Mediante actividades formativas e obradoiros realizaranse intervencións sobre aspectos cognitivos emancipadores, centrados na autoestima, nos coidados do corpo e mente, na nutrición ou no exercicio físico, que contribúan a que as participantes definan o seu proxecto persoal. Tamén se realizará formación específica con perspectiva de xénero en determinadas áreas e que se vertebrará a través de obradoiros e debate en Cinema Forum. Entre outros factores, abordarase a idade, a discapacidade, e a situación como coidadoras ou a situación laboral.
As mulleres serán as protagonistas absolutas dos Obradoiros, que tamén serán impartidos por outras mulleres, profesionais nas áreas do dereito, a psicoloxía, a educación física e deportiva, na saúde e na cultura e a arte, todas con perspectiva de xénero. Os obradoiros abordarán a autoestima e benestar con perspectiva de xénero, o recoñecemento das mulleres, a saúde e activación do corpo e mente, os dereitos das mulleres, a violencia de xénero, o xénero e discapacidade, a idade, o cinema, a arte e o emprego a través de formación e inserción, intereses ocupacionais, acceso ao emprego, procesos de selección, habilidades de comunicación e autoemprego e emprendemento de mulleres.