Xinzo de Limia Cultura

Afundación, ABANCA e o Concello de Xinzo de Limia asinaron hoxe un convenio para expoñer «Castelao grafista (facsímile)»

  • O acto de rúbrica tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Xinzo de Limia
  • A mostra está enmarcada en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación
Momentos da sinatura do convenio
Momentos da sinatura do convenio

Xinzo de Limia, a 02 de outubro de 2024. Afundación, a Obra Social de ABANCA, o Concello de Xinzo de Limia e ABANCA rubricaron hoxe ás 13.00 h na Casa do Concello, un convenio para amosar a exposición «Castelao grafista (facsímile)». Ao acto asistiron Amador Díaz Penín, alcalde do Concello de Xinzo de Limia; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. 

«Castelao grafista (facsímile)» poderase visitar na Casa da Cultura de Xinzo de Limia do 10 de outubro ao 8 de novembro, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.30 h e de 15.30 a 21.00 h. A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación, debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.

A EXPOSICIÓN «CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)»

A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938). 

No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.

A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.