Xinzo de Limia Cultura

Algaria inaugura mostra de pintura na Casa da Cultura

O venres, 21 de setembro, ás 20 horas, na Casa da Cultura do Concello

22222
22222

O venres, 21 de setembro, ás 20 horas, na Casa da Cultura do Concello, a Asociación de Persoas con Discapacidade de Xinzo de Limia (Algaria), entidade que forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade)  inaugura unha exposición de pintura realizada polas persoas usuarias da entidade.

Baixo o título Obradoiro de Arte, a mostra recolle un total de 30 obras pintadas a óleo e acuarela que foron realizadas a través dun programa de arte que lles impartiu COGAMI dentro do programa En-RED-arte, un proxecto que financia a Consellería de Educación e que ten por finalidade proporcionarlles ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe, que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico.

Durante seis meses, 8 persoas socias e membros de Algaria asistiron a clases de pintura que se impartían durante as tardes do luns, sendo o profesor o artista Xosé Eladio. Precisamente é a obra A Gaiteira de Xosé Eladio a que se vai sortear entre as persoas asistentes á inauguración que merquen rifas cuxos ingresos irán destinados á organización de máis actividades dentro da entidade.

A mostra, que estará aberta ata o xoves, 27 de setembro, é posible coa colaboración do concello de Xinzo de Limia, a Federación Discafis- COGAMI e Caixa Bank.

Para máis información, contactar co teléfono da entidade Algaria 647 358 580.