A aposta de Xinzo pola tradición: o Samhain castrexo
-
A xornada contará con actividades para tódalas idades, incluíndo teatro, música, queimada, chocolatada, degustación de caldo e o desfile da Santa Compaña.
-
Unha proposta comunitaria que conxuga historia, cultura e participación cidadá para honrar o pasado castrexo.
Xinzo de Limia, a 23 de outubro de 2024. O vindeiro sábado 2 de novembro, Xinzo de Limia celebrará o seu Samhain castrexo, unha iniciativa que busca revivir as tradicións ancestrais ligadas ao ciclo das colleitas e ao cambio de estación, afastándose das celebracións máis comerciais do Halloween. O evento, organizado pola A.C. Civitas Limicorum e o Concello de Xinzo, contará cunha variada programación de actividades culturais e lúdicas desde as 16:30 ata as 02:00 horas, destinadas a tódolos públicos e divididas en tres grandes bloques: Samaín Infantil, Samhain Castrexo e Noite Xoven.
O Samaín infantil abrirá a xornada cunha serie de actividades para os máis xoves, incluíndo obradoiros de decoración de cabazas, pintacaras e un taller de apócemas de druída, pensado para mergullalos no simbolismo desta antiga festividade. Todas estas actividades estarán orientadas a fomentar a participación e a creatividade dos asistentes máis novos.
A partir das 20:00 horas, o Samhain castrexo tomará o protagonismo, con diferentes actuacións e recreacións de temática galaico-castrexa. Un dos momentos máis destacados será o desfile da Santa Compaña, que percorrerá as principais rúas da vila, desde a praza Xoán XXIII ata a praza de Oriente, pasando pola rúa dos Viños, a praza Maior e a praza de San Roque. A organización fai un chamamento á cidadanía para participar activamente neste desfile, invitando a todas as persoas interesadas a vestirse de negro cunha capa branca e capucha, recreando esta figura lendaria do imaxinario galego. Tamén se anima aos asistentes a indumentarse de acordo coa temática castrexa, fortalecendo así a conexión coa cultura e tradicións do noso pasado.
O programa contará con actuacións de distintos grupos locais e asociacións, que colaboran na posta en escena deste evento. Fusion Fitness e a Academia de Baile Danzón ofrecerán coreografías inspiradas nos costumes castrexos e na procesión da Santa Compaña, mentres que a Banda de Gaitas de Xinzo amenizará o desfile de ánimas. A Escola Rural de Saúde da Limia tamén participará activamente no percorrido, reforzando o carácter comunitario do evento.
Ao longo da xornada, os asistentes poderán gozar de degustacións gratuítas de caldo castrexo, chocolatada e galletas artesanais, elaboradas por Limisi e o Centro de Día de Xinzo. Ademais, a ANPA do colexio Carlos Casares colaborará coa doazón de vasoiras decorativas, realizadas polos propios alumnos e alumnas.
Outro dos puntos álxidos será a representación teatral “O Samhain dos Límicos”, a cargo de membros da A.C. Civitas Limicorum, cunha degustación de caldo para o público, seguida da tradicional queimada galega, na que As Bruxas serán as encargadas de preparar o conxuro. O espectáculo de lume, a cargo de Rita, coñecida como “A muller de lume”, completará o programa castrexo.
Finalmente, a Noite Xoven porá o broche de ouro cun concerto do grupo Kaltee, seguido de dúas horas de música a cargo do DJ Paulo Seoane, a partir das 00:00 horas, pechando esta xornada de celebración coa fusión entre tradición e modernidade.