Inauguración da exposición «Castelao grafista (facsímile)» en Xinzo de Limia
- A mostra enmárcase no programa «Corrente cultural» e estará dispoñible na Casa da Cultura ata o 8 de novembro
- O concello anima á cidadanía a colaborar coa iniciativa «Cultura por alimentos»
Xinzo de Limia, 10 de outubro de 2024. O Concello de Xinzo de Limia, Afundación e ABANCA inauguraron esta mañá na Casa da Cultura a exposición «Castelao grafista (facsímile)». Ao acto asistiron Francisco e Pilar Sobrino, directores das sucursais de ABANCA en Xinzo; Mª Ángeles Martínez, concelleira de Xinzo; Carlos Gómez, concelleiro de Cultura; Antonio Fernández, tenente de alcalde; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
A mostra, que poderá visitarse ata o 8 de novembro, está dispoñible de luns a venres en horario de 9.00 a 14.30 h e de 15.30 a 21.00 h, e forma parte do programa «Corrente cultural», un proxecto de Afundación que busca levar actividades culturais máis alá das súas sedes principais. Ademais, esta iniciativa tamén se integra no programa «Cultura por alimentos», a través do cal Afundación convida ás persoas que visiten a exposición a doar alimentos non perecedoiros para apoiar aos bancos de alimentos locais, colaborando con FESBAL.
A exposición «Castelao grafista (facsímile)» ofrece unha rigorosa escolma de facsímiles das coleccións de arte de Afundación e ABANCA, que amosan a evolución do compromiso social, político e ético do artista Castelao, así como a súa querenza pola ilustración. Entre as obras destacadas atopamos debuxos do álbum Cousas da vida e pezas tan importantes como os álbums de guerra Galicia mártir e Atila en Galicia. A exposición tamén inclúe retratos fotográficos, caricaturas e portadas de revistas, que reflicten a evolución artística e o profundo compromiso de Castelao coa realidade social da súa época.
Este evento supón unha oportunidade única para achegarse á obra dun dos autores máis comprometidos e representativos da cultura galega. O concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, destacou a importancia de achegar actividades culturais de calidade á nosa vila, e subliñou que esta exposición é un excelente exemplo dese compromiso.