“Aquel sol do verán”, o filme documental sobre Carlos Casares que está a ser rodado en Xinzo de Limia
A produtora cinematográfica Madre Films visitou hoxe a capital da Limia, que será escenario da rodaxe dunha longametraxe sobre o recentemente homenaxeado polas Letras Galegas, Carlos Casares
O alcalde de Xinzo, Manuel Cabas, recibiu esta mañá no consistorio aos membros do equipo de produción do filme documental “Aquel sol de verán”. A visita tivo lugar aproveitando o comezo da rodaxe desta longametraxe producida por Madre Films en terras da comarca antelá. O filme, que nace a petición da Fundación Carlos Casares e que recibiu o apoio económico da Xunta de Galicia a través de AGADIC, é un documental arredor da poliédrica vida do escritor limián Carlos Casares, quen recentemente fora homenaxeado polo Día das Letras Galegas.
Dende a equipa de traballo que hoxe visitou o concello sinalan que, malia que hai moitos traballos feitos –mesmo varios documentais– sobre a figura de Casares, buscan diferenciarse do resto de historias “a través da incursión narrativa na sía vida máis íntima e privada, contando os anos que van dende a súa infancia até o descubrimento de Suecia”, é dicir, dende os anos 50 até finais dos 70.
A narrativa audiovisual, segundo afirma o equipo creativo, xirará en torno á metalinguaxe: o cinema arredor del propio. “Interésanos o proceso de busca e que retallos del podemos descubrir que non se contaran até o de agora” para o que recorreron aos “diarios persoais da súa muller, cartas, recordos e textos; todos eles inéditos”, afirma Lara Gacelo, membro do equipo. A rodaxe acaba de comezar e narrarase en catro tempos, de xeito estacional: Ourense, Santiago de Compostela, Suecia e Lisboa. “Cada un destes procesos temporais e fílmicos estarán relacionados a cada unha das estacións do ano”, comentan dende a produtora.
Neste inicio dos traballos de rodaxe, o equipo estivo na mañá de hoxe en Ourense, rodando tomas nos arredores de Xinzo, no río Limia, na Lagoa de Antela e, xa pola tarde, en Sabucedo. “Intentamos plasmar como é o día a día dun escritor e a súa relación co sentido da trascendencia cando creas arte”, conclúen. O filme poderá verse en salas a partires do outono de 2019.