Xinzo estrea o seu primeiro clube de lectura
Trátase dunha actividade aberta e gratuita que supón unha enriquecedora alternativa para os tempos de ocio da veciñanza.
Xinzo de Limia, a 02 de febreiro de 2024. A Biblioteca Municipal Antelana estrea o seu primeiro clube de lectura. Así o deu a coñecer o concelleiro de Participación Cidadá, Mocidade e Festas, Ricardo Sieiro, quen subliñou que se trata dunha actividade aberta e completamente gratuita, dirixida á veciñanza que goza coa lectura e quere compartir a súa experiencia con outros afeccionados.
Sieiro puxo en valor esta iniciativa "que contribuirá positivamente na dinamización da vida da biblioteca, e que supón unha enriquecedora alternativa para os tempos de ocio das veciñas e dos veciños, que atoparán neste clube unha oportunidade para crear lazos de convivencia".
O primeiro encontro terá lugar o vindeiro martes día 05 de marzo, ás 20:00 horas na aula CEMIT da Casa da Cultura.