Xinzo de Limia Cultura

Xinzo de Limia reinventa a tradición co seu Samhain dos Límicos

  • O centro de Xinzo encheuse de asistentes que gozaron de actividades para todas as idades.

  • A Santa Compaña e o teatro castrexo recrearon o pasado místico de Galicia en pleno Xinzo.

  • Un éxito para o primeiro Samhain dos Límicos, que promete continuar como tradición en Xinzo.

Procesión de Ánimas
Procesión de Ánimas
Xinzo de Limia, a 05 de novembro de 2024. A vila de Xinzo de Limia celebrou o seu primeiro Samhain dos Límicos cunha gran afluencia de asistentes ao longo de toda a xornada, que festexaron o comezo da escuridade neste ritual de outono. A celebración, organizada polo Concello de Xinzo coa colaboración da A.C. Civitas Limicorum, combinou tradición e entretemento, e alcanzou un impacto notable durante toda a xornada. Algúns hostaleiros destacaron a intensa participación, equiparando o movemento nas rúas co de fins de semana de comezo do Entroido, unha das festas máis emblemáticas da localidade.

O evento comezou cun espazo dedicado ao público infantil, que participaron en obradoiros de decoración de cabazas, pintacaras e talleres inspirados na cultura celta. Estas actividades non só permitiron que os máis novos se mergullasen nas raíces da festividade, senón que tamén incentivaron a súa participación nunha festa tradicional galega que pretende achegar unha alternativa cultural ao Halloween comercial.

Un dos momentos máis esperados foi a representación da Santa Compaña, unha procesión de ánimas envolta en misterio e solemnidade que percorreu as rúas principais de Xinzo e que evocou a nosa rica tradición oral. A procesión foi seguida dun acto teatral a cargo dos membros da Civitas Limicorum, que ofreceron unha escenificación inspirada no pasado castrexo. Non faltaron os bailes castrexos e da Santa Compaña, así como a teatralización dunha queimada. A chocolatada e o caldo castrexo, ofrecidos de forma gratuíta, completaron este encontro comunitario compartindo alimentos entre a veciñanza.

O concerto folk puxo o toque musical á noite, congregando a numerosos afeccionados á música tradicional e dándolle continuidade ao ambiente festivo. Finalmente, a celebración culminou cunha sesión de DJ destinada ao público máis mozo, unha proposta que fixo que a xuventude se sumase tamén á festividade do Samhain.

Samhain: orgullo polo noso
Samhain: orgullo polo noso
Baile da Santa Compaña
Baile da Santa Compaña
Obradoiros Infantís
Obradoiros Infantís
Procesión de Ánimas
Procesión de Ánimas
Rita, "a muller de lume".
Rita, "a muller de lume".
As Bruxas elaborando a Queimada
As Bruxas elaborando a Queimada