Xinzo de Limia Cultura

Xinzo de Limia renova o seu irmandamento con Ponte de Lima tras 41 anos de vixencia

  • Xinzo e Ponte de Lima reafirman o seu lazo de amizade cunha nova sinatura de irmandamento.

  • A cultura, o folclore, o medio ambiente e a relación entre os centros educativos seguen unindo Xinzo e Ponte de Lima tras máis de catro décadas de cooperación.

  • O Orfeão Limiano actuará en Xinzo no Festival de Corais o vindeiro 29 de marzo.

Representantes das localidades irmandadas con Ponte de Lima
Representantes das localidades irmandadas con Ponte de Lima

Xinzo de Limia, 06 de marzo de 2025. No marco da conmemoración dos 900 anos do Foral de Ponte de Lima, o pasado 3 de marzo tivo lugar no Palacete limiano de Villa Moraes un encontro de municipios irmandados con esta localidade portuguesa. O Concello de Xinzo de Limia estivo representado por Carlos Gómez Salgado, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Turismo e Relacións Institucionais, quen asinou a renovación do protocolo de irmandamento entre ambas vilas despois de 41 anos de vixencia.

Ponte de Lima e Xinzo de Limia levan unidas desde o 16 de abril de 1984, sendo este o primeiro acordo de irmandamento da vila portuguesa con outro municipio. Ademais da renovación deste acordo, Ponte de Lima reafirmou os seus lazos cos municipios de Chalette-sur-Loing e Vandœuvre-lès-Nancy (Francia), así como con Río de Xaneiro (Brasil). Ao mesmo tempo, asinou tres novos protocolos de irmandamento con Saint-Cyr-l’École (Francia), Allariz (Ourense, España) e Dujiangyan (China).

Estes acordos de irmandamento buscan fomentar a cooperación entre municipios a través do intercambio de experiencias e boas prácticas en diversos ámbitos, promovendo a colaboración cultural, científica, deportiva, comercial e industrial entre cidadáns, empresas e institucións.

Desde hai décadas, Xinzo de Limia e Ponte de Lima manteñen unha estreita relación a través de continuas actividades e intercambios culturais, educativos e medioambientais. Esta colaboración intensificouse a partir do ano 2011, cando a Asociación Civitas Limicorum impulsou proxectos conxuntos entre ambas vilas irmandadas. Entre as iniciativas máis destacadas figuran o Abrazo ao Río Limia no 2012, a recreación na vila portuguesa do paso do río Lima polas lexións de Décimo Xuño Bruto e a participación de Xinzo de Limia no Corteo Histórico das Feiras Novas en varias edicións.

Outros intercambios habituais inclún a presenza de Xinzo na Feira do Medio Ambiente, a celebración do Día de Xinzo en Ponte de Lima e a participación de grupos musicais de ambas localidades, especialmente gaitas e corais. Esta tradición terá continuidade o vindeiro 29 de marzo, cando o Orfeão Limiano de Ponte de Lima actuará no Festival de Corais organizado pola Coral Santa Mariña de Xinzo de Limia. O 11 e 12 de xuño celebrarase en Xinzo o Abrazo ao Río Limia, e o 15 de agosto participaremos no Festival das Cidades Irmandadas en Ponte de Lima, cunha representación no noso folclore, música e tradición.